Pendentes de Asturias

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

29 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

MOITOS AFECCIONADOS AO fútbol da Mariña deben de estar pendentes da liga de Segunda División. Aínda que nesa categoría non haxa homes anuncio como David Beckham, está en xogo o ascenso do Spórting de Xixón, o que significa para moitos a posibilidade de ver un partido do seu equipo favorito -que pense cada un nas súas cores- a unhas dúas horas da casa. Non esquezamos que alá polos anos oitenta, cando o Deportivo andaba aínda polo purgatorio antes de volver a Primeira, ir a un campo de fútbol asturiano era a maneira máis rápida de ver aos mellores equipos da liga. Pero ascenda ou non o Spórting, Asturias está ao noso lado, compartindo posibilidades de futuro, problemas e esquecementos. O turismo da España verde pode, e debe, ser o mesmo en Taramundi ca en Ribadeo; o impacto dos parques eólicos que se instalen en montes do Occidente hase notar na Mariña, e as construccións que cheguen á beira do mar na marxe esquerda do Eo non pasarán inadvertidas máis alá da ponte dos Santos. E como xa estamos en campaña para as elecións europeas, sería interesante que os candidatos, ademais de grandilocuentes discursos teóricos sobre a cohesión continental e o noso futuro común, lembrasen a necesidade de que a autovía do Cantábrico se remate dunha vez, porque mentres non chegue ese momento, a conexión exterior de Galicia estará incompleta. E falando de conexións, ¿non sería lóxico que as reunións dos presidentes da Xunta e do Principado se celebrasen con moita frecuencia?