Todos somos contemporáneos

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

24 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

DISE QUE O Camiño de Santiago foi un dos principais eixes de comunicación de Galicia co resto de Europa e que permitiu un intercambio cultural e social do que os galegos tiraron proveito. Suponse que os que habitaban o noroeste da península Ibérica hai, por exemplo, oitocentos anos foron aceptando as novidades que supoñía o camiño, comezando pola chegada de camiñantes que procedían doutros países. Hoxe, no comezo do século XXI, non nos sorprende o paso de peregrinos, aínda que se lembramos a situación da Matiña en décadas pasadas, comprobaremos que a presenza de peregrinos no Camiño Norte é un fenómeno que rexorde a comezos dos anos noventa e que se consolida co Xacobeo 93. Se repasamos a evolución da nosa sociedade nestes anos pasados nos que nos afixemos a ver peregrinos na nosa comarca, comprobaremos que se popularizaron elementos hoxe insubstituíbles -o teléfono móbil, o correo electrónico, o DVD...-. Semella, claro, pois, que nos adaptamos aos cambios, igual que o fixeron os que coñeceron a chegada do tren, do automóbil ou do televisor. Entón un cre que se se aceptan novas maneiras de vestir ou de cociñar, o mesmo pode ocorrer coa arte. Mañá comeza, en Foz, un ciclo de charlas que vai analizar novas formas de expresión artística en diversas disciplinas, algo que pode parecer estraño, necesario ou intrascendente; pero se nos afacemos a pedir pizzas ou hamburguesas por teléfono, tamén deberiamos saber que a arte evoluciona cos tempos. ¿Cantos concellos se preocupan, na medida das súas posibilidades económicas, en promover unha arquitectura do século XXI?