Sobredose electoral

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

03 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

COA SOBREDOSE electoral á que nos vemos obrigados ata o 14-M, queda semana e pico que se me fai máis lenta do normal. As horas parecen días. E suponse que a campaña subirá de tono, que as promesas dos políticos racharán o imposible, que as primeiras pedras «polémicas» virán tan ardentes como aqueles restos de meteorito que caeron hai meses en distintos puntos da xeografía nacional. Realmente a política se presenta como o epicentro da actualidade, a non ser que un novo fenómeno estelar lle fixese sombra, cousa difícil, ou que de súpeto xurdisen seres verdes no planeta Marte. Ademáis, estes días todo, ou case todo, toma forma política ata un punto que se fai complexo discernir que é e que non é. O 14-M está tamén moi preto do 21-M. Non é unha segunda oportunidade electoral. Non. Pero si o comenzo da primaveira. ¿Significará algo a proximidade da nova estación? É curiosa esta coincidencia coa data tan sinalada, que trae máis luz, máis vida, máis calor... Aínda que últimamente, co cambio climático ou co ciclo meteorolóxico, as previsións do tempo tamén poden mudar completamente. Cada quen que faga a súa reflexión. Esta non pretende ser máis que unha fronte a seriedade que amosan os políticos, quitando algún que elixe corbata rosa ou amarela anticipando ese toque primaveral. Pero por moito que algúns se vistan de seda... En fin, saia o que saia na escea política, a primaveira fará acto de presencia. É a lei da natureza, aínda que debe loitar contra outras leises dos homes.