Dende que, hai 50 anos, comezou a funcionar o instituto de Mondoñedo, na comarca da Mariña creáronse numerosos centros de ensino primario e secundario. As circunstancias de hoxe non son as de hai medio século, nin na maneira de ensinar nin nas circunstancias nas que estudan os rapaces; pero Currás cre que A Mariña, por enriba das situacións de cada momento, está preparada para responder aos retos educativos do século XXI. Repasa a situación de cada concello, e describe a oferta que hai en cada un, con centros de educación primaria e secundaria. Tamén salienta a oferta complementaria que ofrecen Viveiro e Ribadeo: en Viveiro hai conservatorio e escola de idiomas, e en Ribadeo, escola de idiomas. O conselleiro cita conversas con parentes seus que viven en Asturias, que lle contan que xente do occidente vén á Mariña para estudar idiomas ou música. A conversa, aínda que telefónica, adquire un ritmo máis vivo cando o conselleiro explica a oferta de Formación Profesional da comarca: por exemplo, anuncia que o IES Porta da Auga, de Ribadeo, vai ser un centro integrado de FP, unha dimensión que só teñen seis centros de toda España; e engade que ese centro vén de converterse en centro piloto para a introdución das novas tecnoloxías nas aulas. Sexa cal sexa a causa, hai unha cuestión que a Currás lle parece clara: «Hai unha oferta importantísima na comarca, que, todo hai que dicilo, ten moitas inquietudes educativas», afirma. -¿Pensa que a comarca da Mariña está ben equipada dende o punto de vista educativo?? -Eu diría que moi ben. Coñézoa ben, non só por razóns familiares (o conselleiro naceu en Trabada, e mantén relación con ese concello) senón porque estiven na inspección de Burela: daquela, na Mariña estaba incluída tamén Muras. Eramos dous inspectores, e cada un tiña oito concellos, coa particularidade de que dividiamos as zonas: eu primeiro levei a zona oriental, e logo, a occidental. Estabamos en relación constante cos centros, pisabamos as escolas. Eu coñecín todos os centros, teño mentalmente unha fotografía da Mariña e chego á conclusión de que está ben equipada.