As feiras mindonienses

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

06 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTE ANO, QUÉIRASE ou non, hase falar moito de espectáculos, de cifras de visitantes e de beneficios como consecuencia do Xacobeo. Os resultados hanse ver, aínda que quizais susciten discusións; e o que a un lle gustaría sería atopar, por enriba de polémicas, un eslogan tan fermoso como aquel do Xacobeo 93 que dicía Santiago, no corazón do mundo. Pero falemos de números. Unha feira que neste 2004 chega ós 848 anos de existencia e que reúne a centos de cabalos e a milleiros de persoas ten elementos para converterse nun reclamo turísitico de primeiro nivel. Como o lector xa saberá, trátase das San Lucas, feiras e festas de Mondoñedo; e por iso Mondoñedo debería traballar para que ese inesquecible espectáculo fose coñecido, como diría Manolito Gafotas, en todo o mundo mundial. Crear un patronato de turismo, convocar un concurso de carteis anunciadores das festas, colgar unha páxina específica en Internet, mandar milleiros e milleiros de folletos a oficinas turísticas de España e do estranxeiro... Todo debería valer para que as San Lucas se instalasen en moitos corazóns máis de todo mundo. ¿Fará falta un milagre do apóstolo?