Ano novo, vida nova

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

03 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

SE ALGUÉN QUERE imaxinar o tempo que teremos neste 2004, o arriba asinante propón un sistema que pode resultar curioso: lembrar o tempo dos vintecatro primeiros días do ano, que equivalen ás sortes e ás resortes e que nos dan unha aproximación en dúas quendas: os doce primeiros días valen para asignar o tempo _frío, chuvia, sol..._ a cada mes; e os doce seguintes, para ver se o prognóstico cambia ou se mantén. Se alguén cre que percorrer o Camiño de Santiago non paga a pena, pode preguntarlle a algún peregrino nos vindeiros meses se camiñar coa mochila ás costas, mentres se pensa nas cousas da vida, non vale tanto como navegar por Internet ou mandar mensaxes polo móbil. E se o camiño é o do norte e permite ver a ría de Ribadeo dende O Cargadeiro ou Mondoñedo dende San Caetano, un supón que aliciente aínda será maior. Se alguén pensa que a política debe estar ó servicio dos cidadáns, abóndalle con esperar algunhas semanas, ata que se confirme a data das eleccións xerais. Entón verase se os partidos compiten en eslóganes e acusacións grandilocuentes ou se lembran das necesidades da Mariña.