Un gran negocio

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

15 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

AS CIFRAS son máis que elocuentes. Por sí mesmas explican porque tardaron tantos anos en saír á luz pública. A Mariña ten un porto comercial de interese xeral e que, polo tanto, depende do Estado. Foi construido nos setenta pola entón empresa pública Alúmina Española, sobre una concesión que vencerá no 2023, dentro de vinte anos. Dende 1993 está xestionado pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Ese peirao explotao agora en exclusiva unha empresa privada, a multinacional Alcoa. Durante a última década, ese organismo público con sé en Ferrol recadou no peirao mariñán 18,85 millóns de euros polo tráfico de mercadorías e polo aluguer do espacio público que ocupa o porto. Nada se sabe do diñeiro que xeneraron esos muelles dende 1975 ata 1993. Para facerse unha idea de como revirte na bisbarra a actividade portuaria de San Cibrao basta comparar as cifras oficiais dos últimos seis anos. Entre 1997 e o 2002, a Autoridade Portuaria de Ferrol recadou 10,97 millóns de euros e investiu na bisbarra 690.312 euros, exactamente o 6% dos ingresos do porto e o 0,6% dos 116,39 millóns que dedicou a investimentos ese organismo nese mesmo periodo. Segundo o anterior presidente da Autoridade Portuaria, a metade dos beneficios de San Cibrao van directamente para Puertos del Estado e arredor do 10% destínanse a persoal e funcionamento. Queda, por tanto, un 40% libre, o que supón que o porto de San Cibrao produxo só na última década uns beneficios duns 7,5 millóns de euros. Ese peirao é un gran negocio. Unha estupenda fonte de ingresos da que non beben os mariñáns porque a meirande parte dos cartos nutren as arcas de Puertos del Estado e cofinancian proxectos en Ferrol. Pregunta: ¿Sabe quen son os últimos interesados en que se cree unha autoridade portuaria que xestione directamente os gastos e os beneficios do porto comercial de San Cibrao?