A TRIBUNA | O |

08 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

DOCE DA NOITE dun día calquera na Mariña. Un automovilista descobre sorprendido que o depósito de combustible do seu vehículo está case baleiro. Despois de mirar o reloxo, calcula que aínda pode circular uns cincuenta kilómetros. Non hai problema. Disipa as dúbidas que de súpeto lle rondan a cabeza pensando que se atopa nunha comarca con moitos pobos, empresas, comercios e, por suposto, tamén gasolineiras. Por aquelo de non andar ó tuntún dun lado para outro, para na primeira cafetería que atopa aberta e pregunta. «¿A gasolineira máis próxima?» «Haber haille moitas, pero ningunha abre pola noite». Como se resiste a creelo, sigue preguntando e descobre que ningunha está atendida por ninguén, pero en Barreiros, dinlle, hai unha en autoservicio. Resignado, volta ó coche para cerciorarse do que xa sabe: non ten combustible suficiente para chegar ó oasis de carburante que lle permitiría seguir o seu camiño. Chama a quen o espera e explícalle que non se poderán ver ata o día seguinte porque, dille con retranca, «na puxante Mariña luguesa non se pode repostar combustible entre as once e media da noite e as seis da mañán». Como non ten opción, achégase a un hotel e contrata unha habitación. Déitase pensando no ben que se vive nesas zonas donde algunhas gasolineiras abren pola noite para atender ós clientes que as manteñen durante o día. Como servicio público que son, pensa que as gasolineiras deberían imitar ás farmacias e turnarse nas guardias nocturnas. Adormece soñando que se alguén o escoitase ninguén máis sofriría pesadelos neste deserto nocturno das gasolineiras.