Aprendamos beleza

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

29 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

SE O VERDADEIRO valor da educación non é formar para a escola senón para a vida, pódese esperar que Galicia se converta nun país máis fermoso dentro de varios anos: un pode supoñer que ese día chegará cando sexan adultos e teñan responsabilidades os rapaces que han recibir ensino de cuestións vencelladas co feísmo, unha iniciativa da que informaba onte este xornal. Se a idea combina teoría e práctica, algúns profesores e os seus alumnos non deberán percorrer moita distancia para atopar exemplos de urbanismos que non semellan afortunados: abondaralles con dar unha volta pola Mariña, onde hai casos nos que un pensa que se identifica o crecemento coa construcción de edificios de moitos pisos, sen pensar en zonas verdes nin en rúas amplas que deixen pasar a luz do sol. E como un cre que da educación sempre se debe esperar algo, cabe imaxinar que esas vilas e cidades máis fermosas cás de agora estarán habitadas por cidadáns máis conscientes do seu entorno: entón xa ninguén tirará os cigarros pola fiestra do coche nin pensará que facer ruído co tubo de escape é unha virtude recoñecida socialmente.