Cáritas en Celeiro

VICENTE MÍGUEZ

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

28 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

A PRIMEIRA linguaxe do home é a súa propia vida». Con esta máxima, unha inxente solidariedade de anónimos labraron en silencio unha obra social que, máis aló da raigame relixiosa, supón un compromiso cos máis desfavorecidos: a testemuña ao fío da vida. É Cáritas, palabra que significa amor. Fundada en 1947, constitúenna dende 5.000 cáritas parroquiais ata as 154 nacionais, con presencia en 198 países: un recurso de 65.000 voluntarios que co seu traballo gratuito semellan náufragos enfrontándose á marexada da desigualdade e exclusión polo inxusto reparto da riqueza. Unha acción que vai máis aló de mendigar esmolas e abrangue dende a protección aos sen teito ata a facer fronte ás innumerables necesidades dos refuxiados e desprazados. Utilizando o criterio da UE, considéranse pobres ás familias que se sitúan economicamente por debaixo do umbral do 50% da renda media dispoñible neta no Estado. En España, un 19,4 dos fogares padecenna. Hoxe xa se fala da exclusión como custo do despilfarro dos recursos da colectividade. Hoxe xa se fala da ameaza á cidadanía e á cohesión social, polo problema da invisibilidade social e a debilidade política da exclusión. Ante semellante panorama, a «movilización da vergonza», como lle chaman as ONG, é unha loita para restituir os dereitos humanos nunha sociedade manexada polo pensamento único e o pensamento cero. Unha sociedade governada co fuste do embuste por emperadores de cuarto piso e sátrapas tristes. Un mundo egoísta que avoca ao pesimismo, esa conciencia dos cómodos: boa coartada para a desidia e o descompromiso. A aposta de Cáritas en Celeiro foron 40 anos de compromiso cos máis desfavorecidos. A asociación de veciños hoxe recoñece e agradécelle cunha homenaxe aos seus membros e fundadores ese servicio ao longo de tampo tempo. Porque só o amor é digno de fé.