A TRIBUNA | O |
26 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.SE NON FALAR dun asunto significase a súa inexistencia, ata datas recentes non habería dúbida de que na Mariña, coa excepción de Burela, case non houbo inmigración nin se prevía que ese fenónemo aparecese por aquí. Pero algunhas situacións, mesmo as que sobreviven en silencio, rematan por consolidarse e por integrarse na nosa vida cotiá. Así, pois, deberemos aceptar que hai inmigrantes, xentes semellantes ou diferentes que veñen aquí na procura dunha situación mellor cá que teñen nos seus países. ¿Non lle soa a ninguén esa historia? Como o coñecemento mutuo pode ser a mellor maneira de afastar fantasmas, iniciativas como o curso de alfabetización que hoxe comeza en Lourenzá semellan interesantes para que uns e outros nos coñezamos e nos recoñezamos no fundamental, en que somos persoas. E nestes tempos en que tanto nos preocupamos pola identidade e as raíces, a un parécelle ben en que pensemos tamén nalgúns froitos: se coidamos a igualdade, poderemos acadar integración e integridade.