LA TRIBUNA | O |
29 oct 2003 . Actualizado a las 06:00 h.UN COLECCIONISTA DE palabras podería xuntar frases felices vencelladas con Mondoñedo, mesmo pronunciadas por políticos. Hai anos, nunha campaña electoral para o parlamento europeo, a socialista Rosa Miguélez dixo que Mondoñedo era como Parma. Algo despois, nun discurso pronunciado durante a visita dun conselleiro, o alcalde, Luis Rego, afirmou que se Ourense se podía comparar con Atenas polo seu pasado cultural, Mondoñedo podía igualarse a Delfos, a cidade grega dos oráculos. E antonte, en Foz, un nacionalista, Camilo Nogueira, dixo que Mondoñedo debería estar na primeira liña da promoción turística de Galicia porque non tódolos países teñen cidades semellantes. Parece que a Mondoñedo non lle faltan virtudes como cidade; é dicir, que ten posibilidades de futuro. Un casco histórico que non sufriu as desfeitas doutras zonas de Galicia; unha zona rural que debería aproveitarse para cultivos de horta; un edificio, o mosteiro dos Picos, que valería como parador ou hotel; unha futura autovía a poucos quilómetros... Está claro que Mondoñedo, sen esquecer os problemas, ten por diante boas oportunidades.; pero quen teñen que buscalas e aproveitalas son os mindonienses.