As tradicións das San Lucas

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

13 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ALGUNHAS TRADICIÓNS VALEN o que nós queiramos que vallan. Non hai medio século que Cunqueiro escribiu, nun artigo que trataba de costumes gastronómicas das festas da Mariña, que o polbo limitaba ó norte con Vilalba; e xa se ve que as fronteiras non son eternas: veñen As San Lucas, e comer o polbo na alameda converteuse nun dos principais alicientes para mindonienses e forasteiros. O mesmo se podería dicir doutros trazos destas festas. Por exemplo, xa non hai vendedores na praza do Seminario, aqueles que misturaban, seguindo con Cunqueiro, o galego dos seus tratos co latín que explicaba don Francisco Fanego ós alumnos que comezaban os estudios de humanidades. Pero hai novos postos e novas cousas que comprar, e un cre, por exemplo, que os sudamericanos que venden xerseis de la, son xa unha imaxe totalmente habitual das San Lucas, festas nas que calquera, feirante ou visitante que vai disfrutar da festa ten dereito a dicir en voz alta: «Non me chames forasteiro». Pero hai tradicións que non se perden, e moitos, galegos e asturianos, sabemos que nos días anteriores ás San Lucas se nota unha inquietude especial.