A TRIBUNA | O |
29 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CUARENTA E DOUS lugares despoboados en Ourol. Son datos estremecedores, que foron recollidos polo Concello. As aldeas están quedando sen xente e diante desa situación todos temos moito máis que perder que gañar. Non só corre perigo a natureza, con montes, terreos e prados que quedan a bravío porque xa non hai quen se ocupe deles, e nos que calquera chispa pode provocar incendios xigantescos. Ou eucaliptais que chegan ás casas, destrúen o que noutros tempos foron carballeiras e soutos, ou matan tódalas árbores porque lles rouban toda a auga. O peor é que se morre o rural, en certo xeito tamén morrerá unha parte importante de nós. Unha chea de coñecementos e valores sobre a vida, as persoas e o medio natural, que durante séculos foron transmitidos de xeración en xeración, perderanse para sempre. É unha pena que xa haxa moitos rapaces galegos que se sorprenden cando ven unha vaca, un porco ou unha ovella porque non tiveron oportunidade. Para quedar, ademáis das medidas que deberían achegar as administracións, tamén nós deberiamos amosar máis vontade e facer un esforzo por compaxinar mundos que non teñen porque ser sempre opostos. Se se quere pódese.