Comentarios á Vía de Alta Capacidade

La Voz

A MARIÑA

FORO PÚBLICO | O |

15 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A PESARES de que os máximos responsables do actual equipo de goberno de Viveiro non perden ocasión e poñen todo o seu empeño cando tratan de explica á cidadanía cal é o significado e as repercusións que engloba o concepto de Vía de Alta Capacidade, segue aínda habendo gran confusión. Estamos a falar de algo que non ten definición legal, pois a propia Lei de Carreteras de Galicia, no seu artifo 2.2, que define as características dos viais, di: «Polas súas características as carreteras clasifícanse en autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e carreteras convencionais», sen referencia algunha ás Vías de Alta Capacidade. Por outra parte é un vial que non contén criterios de homoxeneidade en tódolos seus tramos, pois dende San Cibrao a Celeiro constrúese unha vía rápida tipo VR100, de Celeiro a Viveiro Sur outra vía rápida tipo VR80 e de Covas ó Barqueiro unha carretera tipo C80 con carrís de 3,5 metros e beirarúas de 1,5 metros. Para calquera persoa normal que se nos diga que se vai a construir unha vía de alta capacidade de Ferrol a Barreiros, o primeiro que un se imaxina é que será algo similar a unha autovía capaz de articula-lo tráfico por esta franxa costeira, de xeito que podan circular gran cantidade de vehículos en condicións de seguridade, velocidade e comodidade axeitadas. Pero, cando comprobamos que a opción elexida pola Xunta pasa polo centro de poboacións como O Vicedo, Covas e Viveiro, non se entende por que non se ten presente que a vía do Barqueiro a Covas é unha carretera, e menos se entende que unha carretera por arte de virle virloque pase a converterse nunha Vía de Alta Capacidade. ¿Por que non chamamos ás cousas polo seu nome?, para que todos entendamos o que se nos expón, e así poder opinar sobre este tema tan importante para o presente e o futuro de Viveiro e o resto dos Concellos afectados; porque debemos ser moi conscientes de que as vías de comunicación son un dos factores máis importantes que determinan o futuro económico, social e de benestar dunha poboación. É imprescindible, ou cando menos necesario, que tanto os partidos políticos, empresarios, comerciantes, sindicatos, asociacións e mesmo as persoas a título individual, manifesten a súa opinión de forma colectiva ou individual ante a Administración local ou autonómica, segundo proceda, para conseguir acadar unha negociación coa Consellería de Política Territorial e lograr, a traverso da mesma, as vías de comunicación máis axeitadas para os intereses desta comarca. Manuel Cabarcos .