Os soños de Mondoñedo

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

13 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

SE A IMPORTANCIA dunha cidade se medise pola sona das súas festas, Mondoñedo ocuparía un lugar privilexiado: calquera que se achegue hoxe ó santuario dos Remedios, unha das xoias arquitectónicas da Mariña, verá moitos devotos; e o que coñeza As San Lucas saberá que unha cidade que non está á beira do mar ofrece en outubro un exacto e sorprendente calendario de mareas humanas que soben e baixan polas súas rúas. Curiosamente, con mareas seica tivo algo que ver o bispo Sarmiento, un dos grandes personaxes da historia mindoniense e un dos artífices do Mondoñedo actual. A reconstrucción da igrexa dos Remedios -na que está enterrado-, o hospital de San Pablo, o cárcere -derruído hai anos- e o pazo do Bon Aire -que sofre un escandaloso abandono- foron iniciativas súas, aínda que a historia lle reservou outro privilexio, á altura do seu protagonismo: este bispo emprendedor do século XVIII sobrevive tamén por unha lenda, a de soñar que o Masma fose navegable. Non se sabe cánto haberá de certo no soño, pero si é un argumento para algunha pregunta: ¿o Mondoñedo que quedou sen saída fluvial ó mar ten collido o tren do futuro? Oxalá.