A TRIBUNA | O |
18 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.MIÑA NAI, cando eu era moito máis pequeno, sempre intentou inculcarme unha norma de comportamento que ó longo do tempo me resultou moito máis útil do que poidera imaxinar calquera das moitas veces que a ouvín repetirme un refrán imposible de esquecer: «Donde fueres, haz lo que vieres». Por todo o que levo visto e vivido durante os últimos días, non toda a xente está acostumada a respetar unha regra tan elemental como a dos usos e costumes das vilas, cidades ou bisbarras polas que pasan. Todos os meus intentos de ser comprensivo e tolerante tópanse de fronte cos muros dunha altanera prepotencia. Menos mal que despois do primeiro intercambio de palabras adoito descobrer a quen teño diante e opto pola retranca. Do contrario, tería que poñerme á altura de humanos acostumados a desenvolverse en cidades anónimas onde os descoñecidos son, por definición, inimigos potenciais, xente á que combatir para evitar agresións. Aínda que moitos deles non o saben ou prefiren ignoralo, nesta nosa Mariña temos outro ritmo, outro xeito de ser e de actuar. Ó meu xuicio, máis humano, tolerante e respetuoso, probablemente porque somos menos, porque nos vemos a miúdo e porque estamos condenados a entendernos. Cando eses poucos dos nosos visitantes que pretenden ningunearnos o comprendan, as súas vacacións serán moito máis placenteiras e moito menos estresantes. E nós seguiremos igual, como o resto do ano, soportándonos e aceptándoos.