Os xenios anónimos

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

26 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

VIVIMOS A APOTEOSE da fama e do glamur. O Real Madrid fichou a David Beckham porque é moi coñecido e contribuirá a vender moitas camisetas pola súa condición de heroe do márketing; e o Barcelona, polo que dixo o seu presidente hai varios días, non quixo quedar atrás e contratou a Ronaldinho para ter unha «fichaxe mediática». ¿Que sitio terían no fútbol de hoxe Maradona, coa súa figura baixa e tendente a engordar, e Stielike, xa algo calvo cando era un dos mellores xogadores da liga española? Un non sabe se os tempos de agora, como dicía aquela canción de Golpes Bajos, seguirán a ser malos para a lírica. Sen embargo, case podería asegurar que son bos para unha épica de baixa calidade, máis ben de cartón pedra: ¿que se pode dicir da xente que é exclusivamente famosa, que é só coñecida pola súa capacidade para berrar nun plató de televisión? E agora, nuns tempos nos que o anonimato parece cotizar pouco en certos ambientes, unha investigadora vén de anunciar, como publicaba onte este xornal, o nome do autor do «Lazarillo de Tormes», un dos libros que ata agora se vencellaba cun autor anónimo de maneira case automática. Non é estraño supoñer que a noticia ha causar curiosidade, aínda que non mellorará nin empeorará a calidade do libro. Pero se o que realmente vale é o que permanece, os que construíron a porta de Carlos V de Viveiro ou a catedral de Mondoñedo acadaron, sen necesidade de rebumbio, un prestixio ó que aínda non chegaron e probablemente non chegarán Beckham ou Ronaldinho.