A TRIBUNA | O |
11 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.QUE OS CONCELLOS son a institución máis próxima ós cidadáns é algo que non se cuestiona, non só porque toman algunas das decisións máis vencelladas coa nosa vida cotiá senón porque as toman os políticos máis próximos, os que viven na mesma rúa ca nós ou os que van á praia na que toman o sol os seus veciños. O curioso dos Concellos, aínda sendo as institucións que están máis preto dos veciños, é que teñen que ir lonxe para as súas xestións: repasemos as obras anunciadas ou desexadas en Vegadeo ou en Mondoñedo, en Taramundi ou en Viveiro, e veremos que dependen dos presupostos doutras administracións. A financiación municipal, xa que logo, semella manifestamente mellorable se a autonomía dos Concellos é un obxectivo real. Pero non menos curioso é que esas administracións que teñen poucos fondos para obras posúen capacidade para o seu funcionamento: as maiorías deciden en cada Concello cándo hai plenos ou cánto cobran os concelleiros. Que un político cobre pode mesmo ser bo, porque asume diante da sociedade un compromiso pleno coa súa actividade pública; pero ¿non sería lóxico buscar criterios uniformes?