O aspirante popular, que está a piques de rematar o seu cuarto mandato, pensa que o traballo diario é a mellor garantía para conseguir bos resultados nunhas eleccións
20 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Fernández Sampayo non perde a ilusión, e di que a política municipal non supón cansazo se hai vocación. E a el, ós seus setenta e catro anos, non lle falta, segundo di. Neste mandato tivo maioría absoluta, co Partido Socialista na oposición. Quizais o Bloque Nacionalista Galego acade agora a representación que non conseguiu hai catro anos, pero Sampayo non dubida do seu triunfo. -¿Axuda unha experiencia de tantos anos? -Axuda. Pero eu son tranquilo. Nunca saio polemizar, nin me gusta presumir das obras. Tampouco me gusta a propaganda das cousas que non se van cumprir. -Os outros partidos andan a facer promesas estes días. -O que é candidato pode prometer o que queira, porque son cousas que ó mellor non se cumpren. Eu teño uns douscentos millóns de pesetas en obras e non me gusta presumir delas. É mellor traballar que prometer. A campaña electoral comeza ó día seguinte de tomar posesión de alcalde. O que vale é traballar e ter unha boa relación coa xente. Eu coñezo a tódolos veciños: uns son do Partido Popular, e outros, non; pero eu falo con todos.