«É o momento para que o progresismo renaza en Viveiro»

Mar García VIVEIRO

A MARIÑA

XAIME F. RAMALLAL

Esta é a única candidatura de IU na Mariña. Asegura que o apoio acadado pola formación ata agora «é útil e dunha calidade tremenda»

23 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Orlando Expósito é un histórico da política de esquerdas en Viveiro, primeiro co PCG e despois con IU-EU. Repite como candidato de IU á alcaldía «porque queremos colaborar cun cambio en Viveiro». Recoñece tamén as «dificultades» de formar lista para a cita do 25-M, «porque por desgracia somos minoritarios nesta comunidade, o desexable é que houbera máis e así os cidadáns non se conformarían coas maiorías, hai que dinamizar as corporacións», asegura. -Fala vostede de transparencia e de liberdade. -É que anque pareza unha contradicción, en Viveiro hai un problema grave de falla de liberdade. O concello é a primeira empresa en postos de traballo e úsase co menester de gañar votos. Esa é a nosa batalla, que o cidadán poida votar libremente anque a Administración lle dea un traballo. Mans limpas, contas claras, dicimos, e o noso compromiso é seguir traballando por Viveiro. E somos conscientes de que é difícil, as candidaturas están limitadísimas con feitos como que os servicios máis importantes están privatizados, que os presupostos municipaes están moi por enriba dos traballadores de Viveiro, o endebedamento é grande. É necesario que as forzas que saian elexidas se xunten e a ver qué se pode facer, implicar a todos porque aquí hai responsables do que pasa. - ¿Apoiaría un posible pacto da esquerda? - Co noso voto nunca gobernou a dereita e nunca gobernará. É máis, coa nosa abstención tampouco vai gobernar a dereita. E cando din que tódolos políticos son iguais, renego. Non só hai que parecer un político honesto, hai que selo tamén. E hai feitos que dan motivos ós cidadáns para que ós políticos nos poñan en corentena.