Perigo público

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

04 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

CATRO E MEDIA da tarde, en Cantarrana, Viveiro, perto dun quiosco e dun edificio en construcción. Sopran fortes e frías rachas de vento. Os automovilistas circulan e os cidadáns camiñan polas beirarrúas. De súpeto, unha gran mole de formigón surca o aire. Conductores e peatóns, sorprendidos e asustados, paran. O artefacto semella voar mentres se aproxima ó chan, pendurado do brazo dun camión-grúa que atranca outra rúa. Coa mole a dous metros do chan, dous obreiros irrumpen en escena. Tranquilos e sabedores do perigo do seu traballo, achéganse cando o risco é mínimo. Porque ese espacio público non está sinalizado nin delimitado como zona de traballo perigosa, a mole de formigón asusta ós conductores que a viron sobre as súas cabezas e a dous nenos e dous adultos que, sen querer, atópanse nun campo de batalla. Nunha reacción instintiva, os peatóns frean e retroceden para non resultaren dañados. Un adulto abronca ós obreiros, que respostan cachondeándose e con mal tono. Culpan ó empresario. Teñen razón e, un deles, mala educación. Con todo, moita máis que o constructor do edificio que periodicamente xoga coas vidas da xente por non tomar as precaucións ás que está obrigado por Lei. ¿Ata cando llo seguirán consentindo?