Taller de imaxinación

A MARIÑA

LA TRIBUNA | O |

31 mar 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI ASOCIACIÓNS DE adxectivos e de sustantivos que un non dá entendido moi ben por máis que se usen a cotío. Unha unión supostamente feliz é a da memoria histórica, expresión á que un non lle atopa sentido fóra da súa obviedade. Se a memoria non é histórica, ¿que ha ser? ¿Seica xa pode a ciencia conseguir memoria do futuro? O que un non critica senón todo o contrario é a celebración de obradoiros de memoria, iniciativa que se está a espallar na comarca: en Mondoñedo celebrouse un hai varias semanas, e en Vilanova de Lourenzá comeza outro mañá. O ideal, sen embargo, sería que esas aprendizaxes tivesen mellores oportunidades para seren exercitadas. ¿Imaxina alguén, por exemplo, que se puidese entrar nun bar e tomar un café coa televisión apagada? Sería algo para gardar na memoria.E como se achegan unhas eleccións e un momento de balances e de proxectos, a un gustaríalle que alguén tivese a ousadía de ofrecer algo novo e explicase a razón e o xeito de facelo, de maneira que non o asunto non quedase condenado a permanecer só na memoria dos soños imposibles. ¿Ou é que abonda con crear solo industrial?