Soños de aquí e de acolá

A MARIÑA

Mondoñedo lembrou ó seu escritor máis ilustre cunha ofrenda no Cemiterio Vello e cun recital. Autoridades e veciños mergulláronse nas páxinas de «Xente de aquí e de acolá»

28 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Álvaro Cunqueiro deixou dito que Mondoñedo era unha escola de silencio tan ilustre coma Verona. Iso ocorreu hai moitos anos, cando o cantón era máis grande ca agora, e a presencia de coches nas rúas, maís pequena. Pero a forza creadora do escritor é tan grande que mesmo serve para crear insospeitados silencios, tan valiosos que só se poden alterar con palabras verdadeiramente máxicas. Como as de Cunqueiro, por exemplo. Así ocorreu onte pola mañá en Mondoñedo. Xentes de aquí e de acolá acudiron ó salón de plenos do Concello para leren unha das obras do escritor, «Xente de aquí e de acolá». O home galego No libro, segundo escribe o seu autor na carta enviada a Domingo García-Sabello a xeito de prólogo, está boa parte do home galego: «as súas varas de medir o mundo, as voltas do seu maxín, as reviravoltas dos seus soños e devezos...». E autoridades locais, xentes da cultura e veciños da cidade onde naceu Cunqueiro, entre os que salientaban os alumnos do Seminario, lembraron a Louredo de Hostes -o que comprou uns anteollos para cura-la dor de non soñar-, a Felipe de Bures -o primeiro que falou por teléfono a Lugo dende París- e a outros máis, exemplos de que, como se di no devandito prólogo, «ten o galego un xeito de imaxinar que lle é propio». Pero cómpre engadir que ten Cunqueiro un xeito de narrar que o fai universal. O día comezou con flores, as que se colocaron na tumba do escritor, e rematou co desexo dun reencontro, posi o técnico municipal de Cultura, Gilberto Ares, dixo que se esperaba repeti-la iniciativa o vindeiro ano. Un día coma o de onte é case terapéutico: «Na aspereza da vida cotiá soñar é necesario», dixo Cunqueiro.