NECROLÓXICA
11 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.ONTE MORREU MEU tío Evelio, Evelio Barcia. Onte morreu un home bó e xeneroso, un home cun amplo sentido do que é a solidariedade e a participación cidadana para traballar naquelo no que el creía. Foi un home de carácter, decidido, un home que traballou arreo en varios sectores da vida burelesa, e que, sen dúbida, deixa ampla e xenerosa pegada. Nos seus anos mozos xogou ó fútbol, o que o levou a ser, máis tarde, un dos millores valedores, durante moito tempo, da SD Burela, ben desde o seu posto en Ecesa, ben como directivo. Un traballo impagable sen agardar nada a cambio. A morte da súa dona, Ofelia, hai máis de vinte anos, afectouno ostensiblemente; pero a partires dese momento, quizaves para evadirse, participou ainda máis decididamente en traballos como a Asociación de Veciños, a Comunidade de Montes, etc. Como presidente da Comunidade de Montes, aí queda a área recreativa do Monte Castelo, que nos seus orixes, vai para máis de doce anos, contou co seu impulso, sendo el, de feito, a súa alma mater. Gran coñecedor dos montes, camiños e vericuetos de Burela e mesmo arredores (coñecía cáseque con exactitude os nomes dos donos de todas as fincas, fosen do tipo que fosen, de labradío, de monte, etc., de toda Burela), amosouse sempre disposto a falar con veciños para poder facer máis camiños, ampliar os que había, etc. Eu podería contar algunha que outra anécdota de meu tío Evelio (porque nestes últimos doce anos tiven bastante contacto con el, hasta a súa enfermidade), pero voume quedar con unha que me contou onte pola mañán, con bágoas nos ollos, un home de 85 anos que leva moitos anos en Burela: «¡Como non hei chorar por ti tío Evelio! Cando eu cheguei a Burela, foi unha das primeiras persoas que coñecín, e sempre me axudou todo o que puido».