TRIBUNA
22 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A MARIÑA ESTÁ a piques de dividirse en dúas partes, se non o fixo xa, pola evolución demográfica dos Concellos: por unha banda, a zona da costa mantén máis ou menos a súa poboación, que nalgúns casos procede de veciños municipios do interior; por outra, a zona máis afastada do mar non semella escapar a unha tendencia moi habitual noutras zonas de Galicia. Mentres algúns concellos gañan poboación porque outros a perden, un pensa que a situación económica, coma noutras moitas zonas de Europa, non está en relación directamente proporcional á evolución demográfica. ¿Non hai sitio para máis xente no sector forestal? ¿É definitiva a falta de traballadores do país no mundo da pesca? A xente que emigra a Canarias, ¿pensa en volver algún día ou ha quedar fóra para sempre? Que se busquen iniciativas debe de ser un exemplo de que as autoridades, como é o seu deber, non ignoran a importancia da situación: velaí, por exemplo, a rehabilitación de vivendas para menores de 35 anos en Mondoñedo, un concello que exemplifica coma poucos a gravidade da perda de habitantes. E pensando no futuro, ¿estamos dispostos a convivir con inmigrantes?