Nunca máis voltou

La Voz

A MARIÑA

23 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Se ben M. Mallo non voltou nunca máis ao seu Viveiro natal, a partir de 1923, producirase un novo achegamento da artista a Galicia, ao enviar dende Madrid tres cadros para participar na Exposición de Arte Galega, celebrada nos Salóns do Casino de Santiago. Participación que repetiría tres anos máis tarde, en 1926, con moitvo dunha nova edición que se celebrou no Colexio de San Clemente. Será, precisamente, neste ano cando se produza unha nova vinculación de M. Mallo coa capital da provincia. O motivo foi a solicitude dunha bolsa de estudos á Deputación luguesa, petición que se aprobou en sesión do 15 de xuño de 1926. A axuda, de mil cincocentas pesetas, prolongaríase durante un ano máis, impoñendolle á artista a condición de donar a Deputación algún cadro «para que se pueda juzgar de sus adelantos artísticos». A concesión da axuda recolleuna o semanario viveirés La Voz del Pueblo (26-6-1926), que dirixía Jesús Noya, quen anos atrás tivera co pai da pintora a disputa das «alhajas». Foi el quen tivo a xenial ocurrencia de engadir na reseña o dato das dúas casas nas que nacera e vivira, sen o cal resultaría imposible coñecer exactamente a casa natal, por non figurar en ningunha das partidas de nacimento. En decembro de 1928, logo da celebración da primeira exposición da pintora nos locais da Revista de Occidente , o destacado musicólogo lugués, Xesús Bal e Gai adicaralle a Maruja Mallo un laudatorio na Revista do Centro Galego de Montevideo . A súa maior popularidade na provincia acadaríaa en 1929, por mor da súa participación no libro Lugo y su Provincia , 1929, coa obra Guía Postal de Lugo , reproducida nas páxinas do libro, xunto cun interesante artigo sobre a autora, onde se pode comprobar, unha vez máis, o «desliz» na data de nacemento: «(...) María Mallo, muchacha extraordinaria que desde el alegre mirador de sus veinte años contempla un porvenir espléndido». Durante o verán de 1936, Maruja Mallo, que voltara a Galicia cunha encárrega das Misións Pedagóxicas, recorre a Costa da Morte e as rías de Pontevedra, observando e boceteando a vida mariñeira, que posteriormente inspirará os cadros de redes plateadas. A Guerra Civil sorprendeuna aquí, conseguindo ao pouco tempo pasar a Portugal e, de alí, á Arxentina, onde continuará a súa obra artística. En 1956 o xornalista e escritor viveirés Francisco Leal Insua, que trataba amicalmente ao escultor e irmán da pintora, Cristino Mallo, así como aos críticos de arte Guillermo de Torre e Lafuente Ferrari, púxose en contacto con Maruja Mallo, a través do tamén lugués e médico de emigración Jesús Correa Calderón. Anos despois, en 1961, coincidindo co regreso de Maruja a Madrid, provisionalmente, Leal Insua visitaría á artista no Hotel Palace, onde se hospedaba, concertando unha entrevista para a revista Mundo Hispánico , da que era director. O viveirismo e fina sensibilidade artística de quen fora marido doutra das grandes pintoras galegas, Julia Minguillón, levou a Leal Insua a renunciar a facer el mesmo a entrevista, encargándolla a un dos mellores redactores, o escritor e posterior premio Cervantes José García Nieto. Maruja Mallo, residiría, definitivamente, en Madrid dende 1964 até a súa morte en febreiro de 1995. Mentres no seu pobo natal, Viveiro, a artista, seguía a ser unha total descoñecida. Tan só dende o Seminario de Estudos Terra de Viveiro, extraoficialmente, colocaban na súa gabanza, unha praca cerámica, o 5 de xaneiro de 1994, realizando tamén un ciclo de conferencias, ademáis os artistas do departamento de arte adicarónlle duas bienais nos veráns de 1995 e 1996.