LA TRIBUNA
06 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.AS COVAS DE ALTAMIRA son hoxe mundialmente coñecidas. Sen embargo, algunha enciclopedia conta que o descubridor das pinturas, Marcelino de Santuola, morreu sen coñece-lo éxito que lle correspondería a un achado dese tipo, pois pasaron máis de vinte anos ata que esa gran riqueza artística foi considerada auténtica. Supoño que cos medios de hoxe non fará falta tanto tempo para establecer opinións máis ou menos definitivas sobre ese asunto, polo que das posibles mostras de arte atopadas na Cova do Rei Cintolo se fará un dictame que estableza algún criterio sobre un tema que fai voa-la imaxinación de xeito case inevitable. Algunha páxina web di que por Santillana del Mar, vila xunto á que están as famosas covas, pasaba unha antiga ruta que ía cara Asturias e Galicia, talvez un presaxio dos novos camiños de futuro que pode tomar Mondoñedo. Santillana é un exemplo de fermosura e de uso do patrimonio na creación de riqueza, algo que Mondoñedo tamén pode e debe facer antes de que sexa demasiado tarde. E aínda que a Cova do Rei Cintolo está pechada, un paseo ata Argomoso vale para ver moitas riquezas naturais merecentes de máis difusión.