«As San Lucas son especiais»

La Voz

A MARIÑA

XOSE MARÍA PALACIOS A ENTREVISTA Ana Aurora Villalba, autora dun libro sobre a feira que se celebra en Mondoñedo dende o século XII Ana Aurora Villalba di que acode á feira das San Lucas «dende sempre». Non é estraño, pois vive en Santo Adrao (Lourenzá). Agora ten unha razón máis para falar en primeira persoa das feiras de Mondoñedo, pois vén de publicar un libro sobre As San Lucas. Pasan os séculos e cambian as modas, pero o 18 de outubro segue a ser un día sinalado para moitos.

08 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Ana Aurora Villalba lembra que o interese que a levou a escribir sobre As San Lucas comezou na Universidade. Tiña, na carreira de Filoloxía Inglesa, Antropoloxía como asignatura optativa. «Eu tíñalle oído falar a miña nai, que me contaba todo ese ambiente. A feira non só era importante por vender senón tamén un acto social», afirma. O libro, que edita a Deputación Provincial e que contén fotografías de Juan Puchades e de Miguel Paz, ía presentarse onte en Lugo. -Vostede xa coñecía a feira. ¿Axudoulle iso? -O feito de seguir vivindo nunha zona rural e de convivir con xente maior demóstrache algo, que As San Lucas son intocables. Meu avó, por exemplo, era de Grove (un barrio rural de Mondoñedo), aínda que ó casar marchou para Santo Adrao. E había xente que só vía unha vez ó ano e despedíase dela dicíndolle `ata As San Lucas do ano que vén''. E segue a facelo. -¿Cal foi a maior sorpresa que atopou? -Coñecer a Francisco Mayán. Fun falar con el e pedirlle consello. Descubrín nel non só un historiador senón tamén unha persoa moi agradable, un amigo co que podo falar doutros temas. -¿E a imaxe das San Lucas que máis lle gusta? -O 18 de outubro, aínda que chova, aínda que caina chuzos de punta, gústame ver toda esa xente polas rúas, paseando... É Mondoñedo en plenitude.