A «movida» de Burela e o descanso veciñal

La Voz

A MARIÑA

FORO PÚBLICO

19 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

En novembro de 1999, o pleno municipal aprobou por unanimidade a ordenanza de protección ambiental do Concello de Burela. O BNG deulle a aprobación porque era algo totalmente necesario para compatibilizar as actividades dos locais da chamada movida nocturna co dereito dos veciños das vivendas a descansar nelas, sobre todo en horario nocturno. Tamén o fixemos por responsabilidades, porque éste, como outros temas, non debería ser obxecto de controversia política. Tamén dixemos que era necesario que dende o goberno municipal se dialogara cos afectados para que dende a harmonía e o consenso se conxugasen tódolos dereitos. O BNG quere que a mocidade poida disfrutar en Burela, entre outras actividades, da chamada movida sen ter que desprazarse a outras localidades, como o fai, por desgracia, moitas veces para poder realizar actividades deportivas, culturais ou festivas, porque dende o goberno do PP pouco se fai neste ámbito. Pero, tamén, que propietarios e inquilinos de vivendas poidan permanecer nelas e non teñan que irse do Concello ou vendelas porque non se lles garante o dereito a habitalas sen pertubacións. Esto sucede despois de seis anos de goberno do PP no Concello, con maioría absoluta, porque non son quen de compatibilizar os dereitos de todos, porque non queren asumir as súas responsabilidades de goberno, porque practican o amiguismo, porque se dan contradiccións nalgún membro do goberno entre a defensa do interese público e a defensa dos seus intereses particulares. É sabido que ata hai pouco o goberno do PP permitía que «algúns» locais abrisen ou estivesen funcionando sen ter a correspondente licencia, creando inseguridade xurídica a uns e a outros, porque non se emprega a mesma vara de medir para todos, porque a algúns se lles permite moito mentres a maioría cumpre estrictamente coa legalidade. Cando no pleno do 13 de xullo o PP aprobou en solitario a modificación da ordenanza medioambiental, provocou a alarma nas comunidades de veciños máis afectadas porque permitían ampliar o ruído de 50 a 90 decibelios nos locais dedicados á movida e de 50 a 75 decibelios no resto dos establecementos. Todo se fixo sen buscar o consenso cos afectados, sen dialogar cos veciños nin cos grupos políticos. O BNG, actuando dende a responsabilidade, dixemos que esta modificación só podía deberse a dúas causas: a que melloraran moito as condicións de insonorización dos locais, o que non nos constaba, ou que a redacción inicial da ordenanza fora unha chapuza, o que tampouco parecía admisible porque no seu día o PP dixo que era exemplar e que tomaran como modelo a de A Coruña. ¿A que é debido este cambio e que intereses ocultos se defenden? ¿Terán que ser os propios afectados os que diluciden as súas diferencias? Se existen tantas denuncias, ¿é porque o PP fai cumprir con rigor as medidas de aillamento acústico legalmente establecidas? ¿As condicións de insonorización presérvanse con sonógrafos ou con medidas axeitadas de insonorización? Dende o BNG apoiamos que haxa movida nocturna en Burela, tamén alternativas á movida e tamén que os veciños poidan descansar sen ruídos nas súas vivendas e non teñan que marchar delas ou vendelas. O PP, en seis anos de goberno con maioría absoluta, pouco fixo porque parece que non é responsable (é, polo tanto, irresponsable) dos problemas que se dan en Burela. Parece que deberán ser os propios veciños os que resolvan os problemas causados pola irresponsabilidade do goberno do PP. Este tema podería incluirse no que o PP pretende facer e que chaman «Auditoría ambiental». Ben poderían, por exemplo, dar un premio ou subvencionar aos locais que melloraran o nivel de insonorización. Grupo municipal do BNG de Burela.