YOLANDA GARCÍA A ENTREVISTA Carme Cociña, coordinadora do libro «Códice de soños», que recolle lendas e cantigas da Mariña «Códice de soños» é o suxerente título dun libro que pretende gardar do tempo e do olvido algúns bos exemplos da tradición oral da Mariña a través da memoria dos máis maiores. A súa autoría é colectiva. Nada menos que un cento de estudiantes do IES Monte Castelo (Burela) levaron a cabo esta recompilación coordinados pola profesora de Lingua e Literatura Galega deste centro educativo, Carme Cociña. Ela lamenta, precisamente, a perda progresiva deste tesouro popular, fenómeno extensible á Mariña.
15 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Da noite á mañá, un simple exercicio de clase rematou por convertirse nun libro recompilatorio: «Esta recollida foi un traballo dos rapaces que este ano estudian COU. Pero é tamén un exercicio que teño feito noutras ocasións. Cando chegamos na asignatura á etapa dos Séculos Escuros comprobamos que non temos moita materia, carece de textos cultos. Por iso, pensamos en rescatar a literatura popular. Foi no último terceiro do bacharelato o ano pasado... extraordinario. Falando, pensamos en facer un libro. Aínda que algúns dos textos non son orixinais, hai contos e lendas que si. Decidimos sacalo adiante. Pero cando se puxo todo isto en marcha, botóusenos o fin de curso enriba. O único que había no Día das Letras Galegas do ano pasado era un borrador». -¿Existen na Mariña recompilacións similares? -Si. Marica Campo, cando estivo en Xove hai dez ou doce anos, fixo unha pequena recompilación, pero só de lendas, creo, do Concello de Xove. Teño un exemplar dese libriño, moi bonito, moi lindo. -¿Como se coordinou? -A recompilación foi bastante rápida. Os alumnos foron traendo os textos. Logo veu a criba, a selección, a corrección, a adaptación ortográfica e a parte informática. -Faga unha autocrítica. -Gústame moito a parte de narrativa: contos, lendas, refráns... pero non tanto a parte de cantigas. A narrativa é máis en realidade e se algún día continuamos con este traballo, hai por onde continuar. -A maior parte dos textos son aportados por maiores. -Case toda a tradición oral a ten a xente maior e estase perdendo. Os rapaces, os que están en grupos de baile, saben cantigas pero non saben tanto de contos e lendas. Todo iso é orixinal. -¿É rica A Mariña neste tipo de relatos? -Aquí, de Burela, boto en falta no libro dúas lendas que lin con moito interese e que se perderon polo camiño, un romance preciosísimo e unha lenda mariñeira moi bonita con xente de Burela. -Destacan as aportacións do Val do Ouro. -Canto máis rural o pobo, máis conservador da tradición. -Pero todo isto, insisto, estase perdendo... -Lamentablemente penso que isto vai quedar reducido a antoloxías deste tipo. Vaise fixar por escrito a oralidade. As cantigas quedarán mentras se conserven a través de grupos de baile ou asociacións culturais. Pero pódese dicir que, como literatura popular, está en vías de desaparición. Os rapaces de hoxe non saben empregar os refráns. -¿Que utilidade tiña? -Creo que unha primeira finalidade era a lúdica, o divertimento. Segundo, era unha forma de transmisión de idioloxemas, unha maneira de entender a realidade. Formaba parte da vida cotiá. En Códice de soños colaborou o Concello de Burela, Buril, Ledicia e Nosnet.