Agardar na rutina

J. Manuel Bouzamayor Riola RELATO

AL SOL

Aconteceu nun día calquera a unha hora calquera, non había sinal ningún que dera aviso do que ía acontecer, coma si fan as bombas de palenque nas festas patronais ou mesmo as sirenas nas fábricas que marcan o comezo ou final da xornada laboral. O funcionario de Correos deixou a correspondencia enriba da miña mesa de traballo co mesmo aceno e o mesmo saúdo dos que viña facendo uso dende había anos.

Tamén eu, seguindo coa secuencia programada dun día máis, instalado nunha rutina feiticeira na que ficaba mergullado nunha inocente seguridade, collín o feixe de cartas e achegueime até a cafetería onde, sen eu pedilo, haberían de servirme o mesmo tipo de café co que ía acompañar unha ollada a aquelas misivas.

Coa cunca de café xa acariñando os beizos, un sobre, cun tamaño diferente ó que viña sendo o costume, foi quen de facer unha pequena fisura na secuencia vital na que eu ficaba instalado había unha chea de anos. Cunha sensación descoñecida abrín o sobre en cuxo interior agromaba unha folla manuscrita, unha letra eivada de suxestións de outrora e ateigada de recordos xamais esquecidos, e coma un inesperado lóstrego nunha tarde de verán un pequeno tremor íase enseñorando do meu corpo.

Non fun quen de ler o contido ata o final, a rapaza que formara parte da miña vida nunha adolescencia sen fin, a mesma que seguiu sempre ó meu carón aínda que ela non o soubera, dicíame que estaba a piques de morrer. Nese mesmo intre, todo o que tiña ó meu redor comezou a esvaecerse, os sons íanse apagando, as alegres cores da cafetería ían adquirindo un gris sen vida, a porta pechábase, o olor e sabor do café xa non era tal, e daquela souben cal era a verdadeira razón de eu vivir todos estes anos mergullado nunha burbulla de segura e falsa felicidade: estaba a agardar por alguén que agora sei que non volverá.

J. Manuel Bouzamayor Riola, enxeñeiro, 62 anos, Ortigueira.