A picheleira, pregoeira do Apóstolo, di que os veráns son «area, praia e Galicia»
28 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Dúas horas antes da cita con La Voz, Nerea Barros (Santiago de Compostela, 37 años) xa está na terraza. O encontro prodúcese o día que a súa cidade ten máis cor, o 25 de xullo, nun dos seus recunchos de acougo, a cara traseira da Moa, na rúa San Pedro. A actriz, aínda coa pel de galiña despois de dar o pregón das festas do Apóstolo, vive un momento especial na súa carreira.
-Como foi a sensación de falarlle a todo Santiago?
-Un privilexio, unha honra. Un dos días máis emocionantes da miña vida. Sobre todo, para una picheleira de sempre coma min, que medrei aquí. A cidade aportoume ese saber estar, coñecemento e diversidade cultural que ten. Apetecíame tanto falarlle aos picheleiros desde o corazón, do que eu sinto con Santiago... É a miña esencia, o meu punto de anclaxe á terra.
-Canto tes de picheleira?
-Todo. Polo meu sangue corre o granito e o musgo de Santiago. Hai veces que o boto moito en falta, teño moita morriña.
-Esta terraza da Moa quítache algo desa morriña?
-Moitísima. Dáme moita alegría.
-Por que?
-É un dos meus restaurantes preferidos de Santiago e esta terraza é unha das que levo no corazón. Linda con Belvís, que cos demais parques son algo único que temos nesta cidade.
-Si que che gusta este sitio...
-É que ten un punto moi aberto. Non deixas de ver as cosas de arredor e á vez ten unha cousa moi persoal, moi auténtica. A verdade, sempre hai problemas para botarme de aquí.
-E que adoitas tomar?
-Un viño tinto que me recomenda Manolito, o que máis os coñece neste restaurante. Logo, tamén me gusta desde un auga ou refresco con xeo ata un mojito. Non adoito beber moito alcohol. Realmente, podo pedir unha copa e pasar toda a tarde con ela.
-Cales son os recordos dos teus primeiros veráns?
-Para min os veráns son algo indiscutiblemente relacionado coa area, a praia e a costa galega. Ata os 14, os recordos máis bonitos son na praia de Cabío e as calas desa zona da Pobra. A partir dos 14, a praia de Castiñeiras, ao carón de Ribeira, e a do Vilar, unha das miñas preferidas xunto a de Nemiña.
-Como foron aqueles meses de sol durante a adolescencia?
-Moi divertidos. A relación da pandilla coa area, co sol e coa auga é marabillosa. Xogas todo o día, sobes nunha barca, camiñas dun lado a outro. E todo con esa adrenalina da adolescencia de querer que chegue o verán canto antes para gozalo.
-En que está a traballar agora?
-Pois acabo de rematar O sabor das margaridas, unha serie en galego; está próxima a estrea de Sol y luna, unha coprodución galega e dominicana; tamén a estrea de Morir para contar, un documental de Hernán Zin sobre os reporteiros de guerra no que dirixín e produción unha pequena parte; e estou a piques de rodar unha miniserie sobre Diana Quer.