Na maioría das partidas previstas aplicarase unha retención de crédito do cincuenta por cento
08 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Ante a imposibilidade de aprobar os presupostos para o 2010, a Universidade de Santiago optou por prorrogar o orzamento do pasado ano, polo que a contía para o actual exercicio será a mesma que a do anterior. Non obstante, como consecuencia desta prórroga, as actuacións nos diferentes centros vanse ver condicionadas, principalmente porque, coas retencións de crédito, as cantidades das que van dispoñer os centros serán menores.
Así, aínda que o crédito inicial das partidas do orzamento prorrogado será igual ao crédito inicial que tiñan no presuposto do 2009, a todas as partidas se lles aplicará unha retención de crédito do cincuenta por cento, motivada pola diminución dos ingresos. Por citar un exemplo, á Facultade de Veterinaria de Lugo corresponderíalle un crédito inicial de 155.000 euros, que como consecuencia da retención quedaríanse en 103.000 euros dispoñibles para o presente ano.
Momento difícil
Esta prórroga presupostaria chega nun momento particularmente difícil para os centros universitarios, totalmente inmersos no proceso de adaptación dos seus plans de estudo ás directrices de Bolonia. Así pois, esta escaseza de recursos pode influír á hora de dotar de materiais ou equipos específicos ás facultades e escolas. Tamén poderían verse afectados outros capítulos incluídos nos orzamentos coma os de subministros e mantemento e reparación de edificios.
Como xa se apuntaba, o crédito inicial dos centros será o mesmo que tiveron o ano pasado. No caso dos do campus lucense, á Facultade de Ciencias correspóndenlle 60.610 euros; 47.190 son para a de Empresas; 24.580 para a de Humanidades e 155.070 para a de Veterinaria. Pola súa parte, a Escola Politécnica Superior ten consignados 209.150 euros de crédito inicial e a Escola de Maxisterio, 57.140.
A maior contía do orzamento prorrogado-que supera os 245 millóns de euros- corresponde aos gastos de persoal, unha das partidas -xunto coa de variación de pasivos financeiros- que está exenta da retención de crédito do 50%. Por outra banda, nas partidas que soportan compromisos de gasto con vixencia en 2010, esa retención farase aplicando ao crédito inicial os compromisos adquiridos.