Nuevo libro de Segundo Leonardo Pérez López.
16 oct 2008 . Actualizado a las 21:19 h.Segundo Leonardo Pérez López rescata nun novo libro, publicado polo Instituto Teolóxico Compostelán, a memoria da Escola Habanera dos Vilares, no concello chairego de Guitiriz. O catedrático da Universidade Pontificia de Salamanca fai un novo achegamento á historia de Galicia centrando a mirada nun fenómeno fundamental para comprender o desenvolvemento da educación nas primeiras décadas do pasado século: o das escolas financiadas polos emigrantes desde Cuba.
Pérez López centra a súa atención nunha escola concreta, a dos Vilares, unha parroquia moi coñecida polo seu vínculo ao señorío da Casa de Alba. Pero todo o legado desa escola, recuperado desde a historia local, acaba converténdose no símbolo dunha época enteira; e aínda se diría que de toda unha visión do mundo.
O volume inclúe un limiar do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, quen subliña que «sen América non se comprende cabalmente case nada da Galicia contemporánea». E tamén el reivindica o xeneroso «caudal de melloras e novidades que achegou a Galicia a emigración, singularmente a realizada cara aos países das repúblicas americanas».