Os expertos ensinan a lingua

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ.

TELEVISIÓN

Actores, escritores, xornalistas e historiadores participan no programa «Galego con curso»

28 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Leva máis de oitenta días en antena este Galego con curso, o espazo que de luns a venres emite V Televisión (20.00) para aprender a lingua galega, e por el veñen de pasar ata agora 24 concursantes arriscados capaces de improvisar todo aquilo que a profesora, Sandra Faginas, lles propoña. E haberá moitos máis. Pero na trastenda deste programa que une entretemento e aprendizaxe con moito sentido do humor hai un grupo de máis de trinta expertos que achegan as pílulas da súa sabedoría como guindas da torta en cada clase. Unha microintrodución ás veces teórica outras anecdótica que ademais de rachar o ritmo imposto polos alumnos supón un paréntese privilexiado que invita á reflexión desde o repouso.

Pois en palabras de Sandra Faginas, «en vinte minutos é imposible deterse en televisión a explicar o porqué de moitas cuestións, sexan ou non lingüísticas, e a colaboración de todos estes expertos abre unha fenda para que o espectador entenda aquilo no que nas clases ás veces pasamos de puntas». Fundamentais son as aclaracións de moitos profesores universitarios, especializados en temas lingüísticos, como Pilar García Negro ou Manuel Núñez Singala, sobre todo para insistir nas particularidades de determinadas grafías do galego que enraizadas coa etimoloxía latina son diferentes do castelán e sorprenden á maioría dos que aprenden a lingua.

Pero noutros moitos casos, aínda que a experiencia lingüística sirva como estímulo, a achega de todos estes mestres toca outros moitos ámbitos: Óscar Blanco, presidente da Asociación Astronómica IO, deteuse na diferenciación entre astronomía e astroloxía cando os alumnos aprenderon os signos do zodíaco; Paula Carballeira, actriz e contacontos, narrou a súa experiencia cando xogaba de nena para opoñela aos xogos tradicionais galegos de antano; Paul García, de Adega Pazos Galegos, ensinou todo o proceso da vendima, e entre outros, Luis Iglesia, Carmelo en Matalobos, mesmo se atreveu a contar un chiste para que o espectador entendese a diferenza da abertura das vogais, pois nada teñen que ver un oso cun óso. Poetas, actores, historiadores, xornalistas, escritores, filólogos... introducen diariamente dun xeito ameno a súa experiencia coa lingua para afortalar este particular docucoach, no que tanto os alumnos como a profesora asumen o risco de enfrontarse ás cámaras sen ningún pudor, partindo do xogo e asumindo o concurso como meta.

O xoves, próxima final

En Galego con curso cada grupo de seis participantes aplícase durante vinte días a un exercicio de espontaneidade para abrirse á aprendizaxe da lingua co estímulo de gañar un pequeno premio. Ata agora tres mulleres foron as campioas, pero haberá que esperar ao próximo xoves, último día deste grupo, para saber quen serán os propostos como finalistas e quen se fai finalmente co agasallo. Silvia, Marcos, Piluca, Pamela, David e Martín xa teñen moito avanzado no proceso, algún incluso sacou a bailar á profesora na clase e vese como favorito por parte dos compañeiros, pero en cuestión de lingua falta quen diga a última palabra.