«Cámbiocho!» presenta, a partir das 21.35, parellas que utilizan os bancos de tempo galegos
10 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.V Televisión
emite o segundo capítulo de Cámbiocho! , un espazo que amosa un sistema implantado en moitos concellos galegos, no que o tempo é a moeda de cambio.
Neste capítulo, Cámbiocho! visita o banco de tempo de Valadares, en Vigo, que leva funcionando desde o ano 2007 con 150 usuarios, non só desta zona senón doutros concellos de arredores, como Gondomar, A Ramallosa e mesmo Vigo. Preséntanse, como xa coñecen os espectadores de V Televisión, dúas parellas que demandan servizos.
A primeira delas é María Xosé Vila e Antonio Vide. María Xosé unha educadora infantil que no seu traballo imparte aos nenos talleres para a estimulación dos sentidos, mediante a elaboración e manipulado de pinturas e conceptos artísticos. Aos seus 55 anos, volve manchar as mans para traballar as cores, a composición... como cando era un nena. Por este servizo, cobra unha hora do banco de tempo, que ela poderá cambiar por calquera outro servizo ou cousa que estea dispoñible.
Antonio Vide, 52 anos, é o que recibe estes servizos cos que pretende estimular os seus sentidos. Non se trata de pintar un cadro, senón de retratar sensacións e traballar coas cores para expresar estados de ánimo. Faino nunha mesa, coas mans cunha técnica coñecida como monotipia. Antonio Vide ofrece outras cousas ao banco de tempo, que non se reflicten no programa.
Outro dos protagonistas é Gustavo Sanromán, de 32 anos. Un licenciado en Historia que nestes momentos está no paro. Sanromán ten algúns problemas de costas por traballar no campo. Demanda alguén que lle poida facer masaxes para mellorar o seu estado físico.
Atopou no banco de tempo de Valadares a Rosa Emilia, de 42 anos. A súa profesión está moi relacionada coa demanda que fai Gustavo, xa que é naturópata. Reúnense na propia clínica na que traballa Rosa Emilia, que ten un horario específico para os usuarios do banco de tempo. Para mellorar o benestar dos seus pacientes, emprega técnicas orientais, que combinan aceites e plantas coas masaxes. O prezo é moi accesible. Rosa Emilia só cobra por este tratamento unha hora que acumula no banco de Valadares, no que tamén fai obradoiros onde lle explica a xente os seus coñecementos dunha materia que domina como mostra neste programa.