O intérprete galego grava en Madrid a última temporada de «El Internado»
03 may 2010 . Actualizado a las 19:36 h.Martiño Rivas (Vimianzo, A Coruña, 1985) ten ata agosto maratonianas xornadas de traballo en Madrid, onde se están a gravar os quince episodios do que será a sétima temporada de El Internado , unha serie que prepara o seu adeus, despois de tres anos exitosos en Antena 3.
-Vostede xa anunciou que «El Internado» non iría máis aló do 2010, e cumpriuse o seu prognóstico. ¿A cousa non daba para máis?
-Creo que se tomou unha decisión acertada. É unha postura moi valente por parte da produtora e a cadea de poñer punto e final a unha serie que funciona. Non é doado irse tendo éxito e cun público fiel. Cando se nos comunicou, entrounos a todos a tristeza e puxémonos melancólicos, pero eu creo que é un indicio de que se lle vai a dar a serie un final digno. A postura máis sinxela sería a de tentar sacarlle todo o zume a este froito e explotalo ata que dea sinais de esgotamento. Pero optouse pola postura máis valente e arriscada. O remate de El internado non vai defraudar a mingúen.
-¿Non pode adiantar algo?
-Teño o alivio de descoñecelo, e se o soubese tampouco podería dicir nada. A produtora optou por ser moi hermética, impermeable co tema. Antes era un costume bastante estendido convidar a amigos e familiares o plató para que visen a gravación. Isto xa non se pode facer. Tamén se obrigou a gran parte do equipo técnico a asinar unha cláusula de confidencialidade e estarán moi alerta, cando vaiamos a exteriores, para que non haxa ninguén tomando imaxes.
-As medidas de seguridade parecen as de «Perdidos».
-É que en ámbalas series o suspense e a intriga son fundamentais nas tramas. Son imprescindibles.
-¿Teñen medo a algún tipo de filtración a través de Internet?
-Algunha sabotaxe... [ri]. Non creo que suceda, ou iso espero.
-¿Como levan todos os actores estes últimos episodios, tras tantas temporadas xuntos?
-Imos gravar quince capítulos máis, a temporada máis longa. Aínda nos queda un longo camiño por percorrer e xa teremos tempo a que entre a tristeza.
-Supoño que é diferente que a serie remate con audiencia que sen ela.
-Dende logo é un final desexado e conscientemente elixido polos creadores da serie. Queren darlle un final a altura das expectativas. A min iso tranquilízame moito, que se manteña o nivel de intriga ata o último capítulo.
-Despois de «El Internado», ¿ten medo o paro?
-Estou con gañas de traballar ata agosto e logo xa veremos o que acontece. Procuro non pensar niso porque só contribuiría a desconcentrarme. É unha posibilidade que está aí. Xa sabemos que esta profesión é unha das que ten maiores índices de paro. Aquí o extraordinario é estar traballando. Se toca un período de descanso involuntario, tentarei levalo o mellor posible. Son tres anos traballando moito. Tamén aproveitei este tempo para rematar a miña carreira.
-Non ten nada en carteira
-Non, polo de agora non. Encantaríame volver traballar en Galicia.