TVG emitiu o martes a reportaxe no programa «A caixa negra»
11 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A historia demostra que cando os feitos son teimudos, hai que afrontalos. Na memorable O home que matou a Liberty Valance (1962), John Ford apostou por manter a lenda en contra da verdade. Foi John Wayne quen trincou a Valance, pero se os veciños sempre creron que foi James Stewart, para que escangallar o mito.
O das vacas tolas non foi unha de vaqueiros, foi un drama de dimensións globais que nos tocou duramente naquel nefasto 2000. A caixa negra, que Reixa produce e dirixe para TVG, ben podería ficar no caixón, pero non emitir as súas reportaxes sería dar de costas á historia máis recente do país, sexa Casón, vacas tolas, Prestige ou as decepcións futbolísticas que marcaron ao Celta e máis ao Depor na semana próxima.
Refrescarlle á cidadanía os feitos acontecidos para aprender dos seus erros, casualmente é unha das funcións da historia. Se a televisión de servizo público se apunta a iso, satisfeitos estaremos. Reducindo o incidente do aprazamento da súa emisión a cousa precipitada, quizais produto dos nervios preelectorais, a reportaxe cinguiuse ao agardado. De primeiro confirmouse que La Voz fixo un seguimento exemplar e obxectivo daquelas dramáticas semanas. Por iso os guionistas elixiron a cadencia das súas informacións para estruturar o fío da reportaxe. Imaxes de arquivo e numerosas opinións (gandeiros, veciños, doutores, ex conselleiros, líderes sindicais e xornalistas?), enfiaron os feitos.
Diz Guedes e Castor Gago (que enfermou coa tensión) recoñecen agora que a decisión de soterralas en Mesía foi errada. Ao mesmo tempo, Hernández Cochón como mesmo Guedes non dubidaron en atribuír a sindicatos e outros colectivos actitudes interesadas. Tampouco se cargou contra as siglas de ningún partido, pero si se cuestionou o papel dos gobernantes na crise (desde Europa a España e a Galicia en particular).
Como nalgún momento afirmou o doutor Ramón Cacabelos a propósito das manobras por minimizar ou agachar as consecuencias das vacas tolas para a saúde, «a xente é intelixente». A mesma xente intelixente que segue xantando carne de vaca, que se solidariza cos gandeiros e que esixe responsabilidade aos nosos políticos.
Emitiuse As vacas tolas , o mundo seguiu xirando e todos aprendemos algo máis. Haxa paz e pouca tila.