Un socialista histórico afeito a loitar na vida desde que era un neno

La Voz

GALICIA

09 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«Axente quere tocar os santos cando os sacan en procesión». Así reivindica José Manuel Pose a necesidade que neste momento ten o seu partido, o PSOE, de achegarse á xente. «Creo que ás veces pecamos un pouco de distanciamento. Se un barrio enteiro di que non quere unha cousa, por que nos empeñamos en facela sen ir falar antes cos veciños, a ver por que non a queren. A xente quere falar co político, co seu representante, co seu alcalde».

Por iso o delegado do Goberno en Galicia vai e ven ao traballo andando ou no autobús urbano. «A min gústame ir onde fala a xente, e onde fala é no autobús, sobre todo no do teu barrio. Gústame tomar un vaso de viño cos amigos, xogar a partida». Pose Mesura está a punto agora de afrontar unha nova etapa da súa vida cando deixe a Delegación do Goberno. Pero está afeito a loitar. Perdeu ao seu pai cando tiña dez anos e o su irmán catro. A nai traballaba no campo e ía aos percebes. Eran anos moi duros alá en Barizo. A el enviárono ao seminario, «e collín vocación, quería ser misioneiro».

Profesor en excedencia, Pose fixo casi todo na política. Foi secretario do PSOE en Ferrol e na súa comarca, foi sindicalista, foi concelleiro, foi deputado provincial, director provincial do Inem, subdelegado do Goberno e agora delegado do Goberno: «Quen mo ía dicir a min». Pose quere ser agradecido, e por iso quere deixar ben claro que «foi una honra e un pracer traballar en todos eses cargos, porque sempre fun mimado polos amigos e polo partido».

O delegado do Goberno cre que un socialista teno que ser sempre, incluso na súa vida persoal, «non hai que alardear». Está convencido de que os socialistas están «para transformar a sociedade en favor dos máis desfavorecidos. Todos os cambios importantes fixémolos os socialistas».

Pose coñece ben a Administración e destaca o traballo dos funcionarios mentres lembra unha anécdota de cando o nomearon subdelegado do Goberno. «Os amigos de toda a vida bromearon comigo e dixeron: Xa temos quen nos quite as multas. Eu contestei: Non son o que as quita, son o que as pon».