Guillerme Vázquez: «A asemblea de Vigo falou polo ben da cidadanía e do Bloque»

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O líder da fronte aposta por pechar un pacto de estabilidade co PSdeG

03 jun 2011 . Actualizado a las 10:32 h.

O futuro dos 35 concellos nos que existe a posibilidade de reeditar os bipartitos está a marcar a actualidade do BNG. A asemblea de Vigo ven de votar en contra da entrada no goberno do socialista Abel Caballero.

-¿Non cre que esa decisión pode ter un custe político no futuro?

-Estar fóra dunha coalición non significa non garantir a gobernabilidade.

-Hai quen pensa que, a medio prazo, o PP sairá beneficiado...

-Non creo que sexa a intención da abrumadora maioría que antonte se pronunciou dentro do marco do acordado polo consello nacional.

-Igual transmítese á sociedade que a alternativa ao PP non é quen de entenderse...

-O BNG toma as súas decisións e as imaxes que queiran trasladar os demais non é problema noso. A asemblea de Vigo falou polo ben da cidadanía e do BNG.

-¿Pensa que ir da man do PSOE neste contexto de crise resta apoio social?

-Nós non estamos a facer ese tipo de cálculos. Temos criticado ao Goberno central. E tamén a unha Xunta de Galicia do PP que ten un presidente que está á marxe de calquera solución para os problemas da cidadanía. Evidentemente nós non temos moito que compartir co PSOE, pero moito menos co PP. Iso dende un punto de vista xenérico.

-¿E no caso concreto de Galicia?

-Aquí xa temos anunciado, e o reiteramos unha vez máis, que para facer pactos de goberno o BNG vai esixir que os concellos teñan, na medida das súas posibilidades, o obxectivo principal de facer fronte á crise. Esteamos dentro ou fóra, imos traballar nesa dirección. A realidade de hoxe non é a mesma que hai catro anos.

-¿Que máis teñen que falar coa dirección do PSdeG?

-Manter conversas nunha situación como esta é o elemental; agora temos que determinar ata onde chegan esas negociacións.

-¿Cal é ese límite?

-Nós non imos ter problemas en acadar un acordo xenérico de gobernabilidade ou de estabilidade. Non queremos chegar a un pacto polo feito de chegar. Os concellos teñen que ser instrumentos útiles para resolver os problemas da xente.

-¿Non cre que centrar a análise dos resultados do BNG nos pactos co PSOE pode ser un xeito de fuxir da autocrítica interna?

-Nós non temos nada que ocultar e nada de que fuxir. Agora estamos intentando responder do mellor xeito á realidade actual que se lle presenta ao BNG. Non se trata de buscar ningún bálsamo de Fierabrás. Xa sei que se escrebe, xa sei que se di isto e o outro. Dentro do BNG hai opinións libres e diferentes. Xa se debateu o pasado sábado. E o consello nacional xa falou por abrumadora maioría