«Moitos rapaces non len»

Nacho Mirás Fole NACHO.MIRAS@LAVOZ.ES

VIGO CIUDAD

É un dos 19 estudantes co expediente máis brillante do 2009-2010

24 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Son dezanove os estudantes que merecen saír nesta páxina, todos Premio Extraordinario de Bacharelato. Pero xuntalos a todos en época de exames non era unha opción. Roque Sampedro López (Vigo, 1992), ex alumno do IES de Ames, representa esoutra cara dos informes que avalían á baixa o ensino destas latitudes; coma el, as razóns para o optimismo están nas mans de rapaces que se chaman Pedro Viaño; Noelia Galán; Bruno de Soto; Jorge García; Estrella Fariña; Emma Fernández; Federico Pedreira; Miguel Paz; Andrés Vázquez; Adrián Esteban; Laura Fernández; Javier Valle; Claudia Martínez; Patricia Fernández; Pablo Almuíña; Ana Gómez; Noelia Cabanas, e Alba Rodríguez.

-¿Que quere dicir ser premio extraordinario de bacharelato?

-Convocan á xente que ten máis dun nove de expediente medio de bacharelato. Fas un exame e os dezanove mellores resultados teñen o premio.

-O mérito e mil euros. ¿Xa sabe que facer con eles?-

-Aínda non. Algún capricho terá que ir ¿non?

-¿Co resto dos compañeiros levan fama de chapóns?-

-Na facultade na que estou agora [comezou Historia en Santiago] non o dixen...

-Tanto ten, vai saír no xornal...

-Si, iso será un problema [pensa]. Non é tanto fama de chapón como de bo estudante. Pero non vén regalada.

-¿Ten algunha técnica ou é dos que lle chega co que escoita en clase?

-Creo que ninguén pode sacar boa nota só co que se atende na clase, hai que traballar. O ambiente da casa inflúe. Canto máis estudes de pequeno, mellor, o importante é coller o hábito. Meus pais sempre me pediron que estude, son esixentes. E menos mal, senón igual acababa descarriado.

-¿Máis de ciencias ou máis de letras?

-Fun de ciencias, practicamente, ata cuarto da ESO. Aí decidín ir por Latín e Grego. Sempre me gustou a historia, por iso decidín matricularme na carreira.

-Hai informes que poñen o noso sistema educativo polo chan. Que lle parece...

-É unha cuestión delicada. Hai rapaces que chegan ao ESO e non queren facelo. E os seus pais tampouco están detrás para que o fagan. En certos aspectos habería que esixir máis, sobre todo na base. Algo como escribir sen faltas de ortografía. No bacharelato hai moita xente que escribe os nomes, por exemplo, con minúscula. Moitos rapaces non len, e creo que iso ten que ver co entorno familiar. Cando eu era neno, meus pais estaban lendo todo o tempo, supoño que iso me incitou a min a facelo.

-¿Que máis fai?

-Fago cousas. Estudo música. Levo seis anos tocando o trombón e agora estou co baixo eléctrico nun grupo.

-E o trombón ¿por?

-Porque me gustaba a Cabalgata das Valkirias.

-¿E nos veráns?

-Non fago moito. Vaguear, ir cos amigos... viaxar algo... Pero, en xeral, son bastante apalancado, aínda que coñezo xente que sae máis ca min, que fai deporte, e ten medias de dez; unha cousa non quita a outra.

-A súa media é de 9,6, non está mal...

-É máis duro pasar de 9,6 a dez que de 9,2 a 9,6.

-¿Que está a ler?-

-Ciencia ficción. O último foi Polaris, de Jack McDevitt. A novela gústame o que máis, a novela policíaca. Lin practicamente todo o que ten escrito Michael Connelly, é boísimo, por exemplo O inocente.-

-¿Preocúpalle a política?

-Estudando Historia é case imposible que non che interese. Pero aínda non votei nunca, e tampouco me chama demasiado. Cada vez os políticos conectan menos.