Chisco Fernández Naval considera que «a antoloxía de textos permite un achegamento e unha visión xeneral de cada autor, posibilitando que o lector afonde logo nos aspectos que máis lle gustan ou emocionan».
O poeta e narrador ourensán destaca que «a dificultade está en escoller un anaco de texto dos narradores». Agrega que, «xa que a colección non inclúe novelas completas, neste caso é preferible antologar un relato, xa que ofrece unidade, aínda que a obra principal, como no caso de Eduardo Blanco Amor, sexa unha novela como A esmorga », cualificada de «obra mestra» por Fernández Naval.
Admite que «non é doado facer unha selección persoal de obras e autores», pero sinala que a súa antoloxía particular incluiría algúns poemas de Rosalía de Castro , algún texto narrativo de Castelao , tres ou catro poemas de Álvaro Cunqueiro , un relato de Os biosbardos de Eduardo Blanco Amor , outro de Ramón Otero Pedrayo e un par de poemas de Manuel Antonio .