O diario ofrece mañá unha escolma do clásico da literatura galega xunto coa primeira entrega da serie histórica das nosas letras por só 1,95 euros
15 may 2010 . Actualizado a las 13:47 h.O gran tótem da cultura galega abre o camiño. La Voz inicia mañá a súa nova colección literaria co libro O mellor de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un dos escritores imprescindibles das nosas letras. A súa escolma ofrécese co libro A literatura e a cultura trobadoresca , que abre a serie histórica que o diario lle dedica ás nosas letras. Os dous exemplares teñen un prezo de 1,95 euros e véndense de forma conxunta con La Voz e constitúen a primeira de vinte entregas.
Este ano celebrouse o sesenta aniversario do pasamento de Castelao, pero a súa imaxe continúa a ser un símbolo, unha divisa de Galicia. O rianxeiro retratou con palabras e debuxos a opresión, a fama, a saudade, a diáspora, a retranca, a amargura... Captou con nitidez as faccións daquela sociedade galega na que lle tocou vivir. Algúns daqueles atributos persisten no tempo, por iso moitos dos seus textos continúan tendo a mesma vixencia hoxe.
Fragmentos inesquecibles
Convivirán nestas primeiras páxinas da serie que ofrece La Voz fragmentos de obras dos distintos xéneros que tocou o autor, textos elixidos de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete , Retrincos , Cousas , Os dous de sempre , Os vellos non deben de namorarse , Sempre en Galiza e Alba de groria . O lector achegarase a aqueles personaxes inesquecibles aos que lle deu carne Castelao. O Rifante, o mariñeiro «que gañaba pesos a moreas». Migueliño, o neno que buscaba ao seu pai entre os emigrantes retornados das Américas. Rañolas, un dos dous de sempre. Ata Pimpinela, esa «rapaza bonita que tolea cos panos de cores».
A selección correu a cargo da profesora e crítica literaria Teresa Seara Domínguez. E é unha invitación a entrar nunha obra fundamental para entender Galicia e a súa literatura.
O libro que comeza a senda da historia literaria ofrecida por La Voz, volve a vista cara os trobadores dun xeito sinxelo e didáctico, co correspondente contexto social e político. Empeza así unha viaxe obrigada aos primeiros trazos das letras galegas. Esta mesma semana, na Real Academia Galega, o escritor, tradutor e editor Alberto Manguel sorprendeu ao ler verso da poesía medieval galego-portuguesa e relacionalos cun poema de James Joyce.
Despois de Castelao tocaralle a Álvaro Cunqueiro. A colección regresará aos quioscos co escritor de Mondoñedo o 22 de maio para continuar todos os sábados. A segunda entrega incluirá o libro que recolle porcións exquisitas dese mundo inabarcable do xenial autor de Mondoñedo, un autor cun universo propio, sen ataduras de fronteiras ni tempos que fixo seus distintos xéneros.
Tamén se ofrecerá o libro Cantigas de amigo . Esta será a segunda estación desta serie literaria, que despois pasará por Valentín Lamas Carvajal para dirixise cara a creadores coma Rosalía, Eduardo Pondal, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor... Os mellores. E dos mellores, o mellor.