«Están apurando os prazos como nunca fixeran, e xa esgotei os dous anos de paro e a axuda de 420 euros»
GALICIA
Ten unha diplomatura de técnico superior en Urbanismo que o faculta para un traballo de topógrafo que non pode exercer porque non o hai. E conta cunha oposición aprobada no corpo de administrativos da Xunta que tampouco lle sirve para arranxar a súa situación, porque o Goberno aínda non lle deu a praza. Ismael Formoso, ourensán de 30 anos, forma parte dos milleiros de opositores que agardan que a Xunta aclare o seu futuro nun tempo de crise en que os galegos buscan no emprego público a oportunidade que o mercado laboral lles nega. Mentres, Ismael traballa como teleoperador na campaña da renda, o que alomenos lle permitirá pagar as facturas ata que os galegos rendan contas co fisco.
-Aos anos que levan agardando polo peche dos procesos engádese os que adicaron a preparar as probas ¿Cal é a súa situación persoal?
-Os que estamos nesta situación temos idades que rondan os 30 anos, e xa estamos a maior parte emancipados. O asunto empezou hai dous anos. Somos xente que quedamos no paro e vimos na Xunta unha saída. Fomos tirando coas prestacións por desemprego, pero tamén había que pagar a academia. Agora traballo de teleoperador na campaña da renda.
-¿A que corpo opositou?
-Ao C1. Tamén tentei para C2 e subalternos, aínda que o C2 non tiven tempo de preparalo. Ao fin, como tiña o C1 aprobado, decidín non presentarme ao C2 e deixalo para outros.
-¿Dende cando agarda pola praza que lle corresponde?
-Fixen a última proba o 2 de decembro do ano pasado, e xa fixera a primeira uns meses antes, o 19 ou 20 de setembro.
-Participou logo no exame que rematara con cinco expulsados por filtracións. O caso é que aprobou, e nada.
-Si. Fixemos as probas e ata o 15 de xaneiro non tivemos as notas. Na Xunta están apurando os prazos ata o final, como nunca fixeran. Xa esgotei os dous anos de paro e a axuda de 420 euros. E a maiores atopámonos co problema de que os nosos datos como opositores son públicos, e as empresas non ven rendible contratar a quen agarda por outro posto.
-Pois a Administración di que irá adxudicando as prazas en función das súas necesidades. A crise condiciona, pero vostedes pagan dobremente as súas consecuencias.
-A Xunta dinos que hai crise, pero cando vou pasar a revisión do paro a persoa que me atende é un interino. Paréceme moi forte que me aconselle unha persoa que pode estar a ocupar a miña praza. Os procesos están paralizados.
-¿Pensa que esta situación se resolverá a curto prazo ou teme que se adíe moito máis?
-Agora xúntanse cos concursos de traslados, pero nós non temos culpa. Se Función Pública non nos mete agora a traballar, xa nos dixeron que podemos quedar para despois do concurso de traslados, e o que menos durou na Xunta levou un ano. Xa me vexo en xullo do 2011 e sen traballar. Eu vivo coa moza, pero hai moita xente que ten que manter fillos. Unha cousa é pensar en ter a praza en dous anos ou en dous e medio, e outra é pensar en que isto pode ir a catro anos.
-¿Que lles di a Xunta?
-Non temos información. A xente di que alomenos temos unha oposición aprobada, pero o certo é que non sabemos para cando. Cando fixemos as probas era porque os postos estaban vacantes e a Xunta precisaba cubrilos. Sabemos que hai interinos que nos están a quitar os nosos postos de traballo.