«A emigración necesita un museo que lle faga xustiza»

GALICIA

O profesor Liñares Giraut considera que o fenómeno migratorio aínda non se tratou coa profundidade que merece

05 mar 2010 . Actualizado a las 12:53 h.

Despois dos dous volumes sobre a situación dos españois no exterior e o papel da muller na emigración, o Grupo España Exterior publica dous novos tomos que analizan os movementos migratorios a Europa no século XX e as xeracións dos fillos e netos dos que abandonaron a súa terra para buscar un futuro noutro país. Ademais do peso propio de Galicia nestes estudos, os libros foron coordinados polo profesor galego Amancio Liñares Giraut.

-¿A emigración a Europa quedou en segundo plano fronte á americana?

-A emigración a América tivo unha dimensión épica, case de descuberta dun novo mundo. Tivo bastante visibilidade pola creación de sociedades, a participación dos emigrantes na vida social e a cultura, e tamén polas obras, como a construción de escolas, que promoveron os emigrantes nas súas vilas natais. Iso fixo que a emigración europea sexa máis descoñecida, pero é importante porque aínda existe hoxe.

-¿É un proceso que non concluíu?

-Si, segue habendo emigración a Europa, pero produciuse un cambio no nivel formativo: antes marchaba xente que apenas fixera a educación obrigatoria e agora hai moita xente que pasou pola universidade.

-Os emigrantes de segunda e terceira xeración, xunto co retorno, tamén recibiron pouca atención ata o de agora.

-Nos estudos da emigración aínda hai moitos ocos por encher. O fenómeno do retorno pode analizarse dende perspectivas moi interesantes, como a económica ou a psicolóxica. Nestes volumes, ademais dos artigos dos especialistas, démoslle moita importancia aos testemuños dos emigrantes, para que relatasen en primeira persoa as súas experiencias. A emigración deixou e continúa a deixar unha fonda pegada en Galicia. En menos de 300 metros da miña casa podo atopar xente que emigrou a América ou a Europa, e inmigrantes que agora viven aquí. É algo que ocorre en moitas partes de Galicia.

-¿A valoración da emigración non se corresponde coa importancia do seu papel?

-É unha cuestión que está agochada, xa que o debate agora está centrado no retorno e na inmigración de estranxeiros. A emigración está presente na historia contemporánea, pero aínda non se logrou darlle a importancia que realmente ten. Ramón Villares reclamou un museo, un memorial da emigración, e ten razón: necesitámolo para poñer na súa xusta medida a importancia e a contribución deste fenómeno á sociedade. A emigración necesita un museo que lle faga xustiza.

-Parece incrible que Galicia non teña un museo da emigración cando, por exemplo, en Irlanda hai vilas pequenas nas que non falta o seu.

-Irlanda é un claro exemplo de maior conciencia, non só da súa historia, senón do seu patrimonio, que coidan e promocionan.

-Unha experiencia tan transformadora como a emigración esperta opinións encontradas. Os testemuños recollidos nos volumes son bo exemplo.

-Si, atopamos xente moi entusiasta, que ás veces idealiza a súa época, non sei se porque eran máis novos entón ou porque pensan que calquera tempo pasado foi mellor. Pero tamén hai persoas ás que lles custa moito falar da emigración, como se para eles fora unha derrota.

-Nun dos tomos tamén se analiza unha cuestión polémica, a do voto emigrante.

-É un debate aberto. O especialista que asina o artigo fai unha serie de reflexións moi interesantes sobre o asunto. Pero nós non temos unha solución evidente á cuestión, e tampouco é o noso propósito sentar cátedra. Somos un grupo de investigadores que podemos abrir reflexións e que os políticos tomen decisións.