«No 2011 pensarei se sigo como presidente ou son útil noutro sitio»

Cristina López

GALICIA

Besteiro cre que se aveciña unha temporada política moi interesante e que os cidadáns daranse conta axiña de que co novo Goberno autónomo se están dando pasos atrás

23 ago 2009 . Actualizado a las 02:01 h.

Militante do Partido Socialista dende a década dos anos noventa, José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) entrou en política no ano 1999 da man do alcalde lucense, José López Orozco. O secretario xeral do PSOE de Lugo declárase fiel ao partido e pensa que os socialistas sairán fortalecidos da derrota sufrida nas pasadas eleccións autonómicas.

-¿Como dixeriu o partido a derrota electoral do pasado 1 de marzo?

-Esas cousas pasan factura, pero é algo que xa pasou e non imos seguir lambendo as feridas. Os socialistas temos unha enorme vocación de goberno. Somos un partido serio e moi positivo, que acepta o resultados das urnas e que cre que despois disto pode volver ser un referente de futuro. Agora toca retornar aos problemas e o certo é que afrontamos o momento actual con optimismo porque cremos que os cidadáns daranse conta axiña de que se están dando pasos atrás, que o dos Audis xa pasou e agora chegou o momento de ser serio e responsable, e de gobernar.

-¿O papel de Pachi Vázquez está suficientemente reforzado no partido?

-Totalmente. Non todos os que o elixiron poden estar equivocados. Pachi Vázquez está chamado a cotas maiores e agora é cando realmente empeza o traballo importante: o de ver se o Goberno que temos pensa en Galicia, se o presidente Núñez Feijoo sente Galicia como unha comunidade histórica, que é como hai que sentila e gobernala.

-¿Vostede a quen lle é fiel: a José Blanco, a Pachi Vázquez ou a Orozco?

-Eu sonlle fiel ao PSOE. Non entendo desas lealdades absolutamente inquebrantables. Os militantes estamos aquí porque queremos e porque estamos comprometidos cunhas ideas. Non se trata de lealdades, senón de ser firme ás ideas que un ten e que comparten moitas persoas, e despois entre esas persoas o partido vai decidindo que liderados vai tendo.

-¿Vese como novo «barón» do PSOE en Lugo?

-A palabra barón xa debería estar desterrada. Os propietarios dos partidos son os afiliados, e se ben é certo que os socialistas acadamos uns resultados magníficos na Deputación Provincial de Lugo despois de máis de vinte anos, iso foi froito de moito traballo pegado ao cidadán, e pensando nos cidadáns é como queremos seguir.

-¿Que lle parece que López Orozco se postule como candidato socialista á alcaldía de Lugo?

-Paréceme fenomenal. Eu entrei con el en política e son un gran admirador seu. Paréceme un alcalde próximo que cambiou totalmente a cidade de Lugo. Ademais, creo que aínda está por chegar o mellor Orozco. Se se quere volver presentar a alcalde eu vou apoiar esa decisión.

-E José Ramón Gómez Besteiro onde se ve no futuro, ¿ao mellor como ministro?

-¡Ai, o futuro...! Hai que pensar sempre que tanto como estás te podes ir. O meu reto está agora no 2011. Eu comprometinme co PSOE e asumín a responsabilidade de ser presidente da Deputación e isto é o que me obsesiona a min agora. Se chegado ese momento se cumpriu o que se prometeu e se fixo ben o traballo, haberá que pensar se podemos facer o mesmo ou se podemos ser útiles noutros cometidos, pero sen que por iso un vaia cambiar, porque como xa dixen antes, hai que pensar sempre que un cargo non che da a garantía absoluta.