O líder dos populares ourensáns síntese responsable dos malos resultados acadados, pero pide unha análise serea
11 mar 2008 . Actualizado a las 03:03 h.O PP en Ourense perdeu nas eleccións un deputado e 27.000 votos. O partido que preside Xosé Luís Baltar segue a tendencia descendente que se percibía en anteriores comicios. A persoa que lle deu tódolos réditos aos populares observa como a nave ten unha importante vía de auga.
-¿Pensaba que se podería manter o terceiro deputado?
-Por suposto. Penseino sempre, polo menos ata o venres pola noite onde me din conta que as cousas non ían ben. Eu nunca pensei que se baixaría o que se baixou porque houbo moi poucas mesas na provincia onde se subira.
-Pero perder 27.000 votos con respecto ao 2004 son moitos.
-Son moitísimos, case tantos como os que se sacan na cidade. Foi unha baixada tremenda e haberá que analizar os resultados con calma e mirar que se pode facer para deter a baixada que levamos dende as últimas xerais.
-¿Que autocrítica debe facer o PP?
-Temos que darlle un revulsivo á militancia e chegar a todos. O partido ten que convencerse de que as eleccións non son cousa de Baltar e catro máis. Ou nos poñemos todos a pilas e empezamos a carburar como é debido ou isto non ten solución. É posible que moitos estean pasivos porque non lle damos opción a que participen ou que haxa xente á que lle hai que meter na cabeza que tan importantes son as xerais como as autonómicas ou as municipais.
-¿Que se xogaba vostede este domingo?
-O prestixio de ser gañador nato durante toda a vida, pero neste caso está claro que, como di o refrán, cando «las barbas de tu vecino veas pelar, pon las tuyas a remojar». Claro que me afecta persoalmente que as cousas non vaian ben.
-¿Ata que punto lle afecta?
-Ata o punto de facer unha seria reflexión. Eu non son dos que tiro a toalla cando as cousas van mal, porque iso é o máis fácil, pero tampouco quero estar aquí a contragusto de ninguén. Se os militantes din que hai que facer unha renovación, mañá mesmo, pero quero que se analicen as cousas e que sexa unha decisión colexiada. O primeiro responsable son eu e estou disposto a que se me pidan responsabilidades. Agora ben, a xente debería pensar que se cando se gaña a vitoria é de todos, cando se perde a derrota non pode ser unicamente de Baltar. Debemos falar todos, sen censura de ningún tipo. Se hai quen di que o único responsable son eu, perfectamente, sen problema ningún, pero que se sepa que eu non me tiro á bartola en ningunhas eleccións e que traballo como o que máis. O que si recoñezo é que ao mellor non se tomaron as decisións que eu non fun capaz de tomar.
-¿Como cales?
-Facer unha análise seria e darlle entrada a xente nova que dirixa o partido. Eu sempre estarei ao lado do partido, sexa de presidente, sexa de nada.
-¿Debería irse Mariano Rajoy?
-Para falar dese tema teño que escoitar primeiro aos militantes do partido. O que si é certo e que o PP tivo a nivel de España uns resultados estupendos aínda que non se gañase o Goberno. Eu anímoo a que siga.