Parga cifra nun 30% o descenso de traballo no sector, censura a competencia desleal e non descarta un paro
28 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O presidente da Federación Galega de Transporte de Mercadorías admite que o sector estaba «atomizado» antes da crise e sobran un 30% dos camións que operan en Galicia.
-¿Coa suba do petróleo é mellor ter o camión parado?
-Bastante mellor. É mellor parar os camións agora que arruinarse e acabar co material.
-¿A crise está a romper o mercado?
-É que o mercado xa estaba roto, dende o momento en que non hai maneira de repercutir os costes. Ao haber crise en tódolos sectores sobra todo. Sobran o 30 ou 40% dos camións. E, ou os quita a xente, o sector, ou os quita o mercado.
-¿O sector non está realmente atomizado?
-Si, pero con este problema levamos moito tempo. A unha empresa élle moi difícil competir cun autónomo, que se ten que pasar cun bocadillo pasa, e se ten que facer algún exceso de horas, tamén corre riscos...
-¿De que tarifas falamos?
-A xente vai para fóra e carga a como lle paguen, como lle ofrezan, e despois aínda terá que ver se lle pagan, porque hai moitos que non o fan e hainos que levar a asuntos arbitrais. O sector do transporte está roto.
-A maiores, a imprantación de peaxes encarece o servizo...
-Si. A euroviñeta vai repercutir moito. A Unión Europea aprobou unha suba de cinco céntimos quilómetro, ou dun 5%, pero se aplican esa tarifa suporá para un camión mil e pico de euros ao mes. É insostible. Todos son a poñerlle impostos ao sector e alguén terá que tomar medidas, porque se non vai pasar o que non queremos que pase. Non estamos pola laboura dun paro, nin o apoiamos, pero non descartamos que o haxa.
-¿A crise da construción converteu moitos desempregados en chóferes?
-Home, claro. O traballo baixou un 30 ou un 40% e hai competencia desleal. No sector da alimentación baixou menos, pero a obra pública está case parada. ¿Que carreteras se están facendo? Ningunha, e toda a xente que tiña frotas de camións de obras as ten paradas... e despois moito material que se traía para a construción, como uralita, ladrillo, cemento... Todo iso non se move.
-¿Albisca algunha saída a corto prazo?
-Adaptar a oferta á demanda e cobrar o que hai que cobrar, e se non pagan, parar, porque imos parar igual, non hai outro camiño. Se na empresa non che pagan tes que deixar de ir a traballar. Eu non me atrevería a dicir se antes do verán haberá paro, porque hai empresas que teñen máis crédito e aguantan máis, e outras, menos.