O responsábel da política económica di que Galicia non é inmune e destaca a resistencia galega ante o axuste
04 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O nefasto balance do paro para o conxunto de España ven de facer saltar todas as alarmas. Galicia é, polo de agora, das comunidades con mellores datos. A dúbida que xurde é ata cando aguantará.
-Xa temos 12.000 desempregados máis que fai un ano...
-Nós nunca ocultamos a nosa preocupación polo que está a acontecer: non somos inmunes ao que sucede no noso entorno. É evidente que as cifras empeoraron, pero compre non facer lecturas dramáticas. -¿Non pensa que os últimos datos de afiliación son moi preocupantes? -Dende decembro do 2007 ate agosto do 2008 incrementamos o número de altas á Seguridade Social en 9.029 persoas, e temos, nese mesmo período, 2.545 parados menos. Pero hai máis datos: temos case un millón cen mil ocupados, estamos nun máximo histórico de afiliación, 120.000 máis que no 2004, por exemplo. -A comparativa interanual de altas á Seguridade Social, que é o que se soe coller, di que o crecemento do emprego está practicamente conxelado... -Temos 500 ocupados máis que hai un ano, tomando como referencia agosto. Isto quere dicir que a tendencia é a un menor ritmo de xeración de emprego. Nos próximos meses se manterá, cun diferencial positivo respecto a España e Europa, o que permitirá avanzar no obxectivo da converxencia. -A evolución das taxas interanuais parece indicar que pronto entraremos en números negativos... -Polo de agora xeramos emprego, cousa que non sucede en España. Pero para mitigar o impacto do freazo xa puxemos en marcha un plan de dinamización que pivota, fundamentalmente, sobre dous eixos: a licitación de obra pública e o apoio financeiro ás empresas. -Vostedes seguen defendendo que Galicia ten un plus de resistencia ante a crise e a oposición di que se trata dunha estratexia propagandística para adormecer á xente... -Estamos en taxas de paro por debaixo de España de xeito significativo dende hai xa tempo, pero viñamos dunha situación ben diferente. No 2004, o noso índice de desemprego era dous puntos e medio superior ao español. Dende o 2006 empezou a mudar a situación e hoxe o noso paro é do 8,3% e o de España do 13,6%. -¿Pero en que máis se concreta ese plus de resistencia? -Nos propios datos. Levamos crecendo por riba da media española dende mediados do 2005. Isto é a primeira vez que sucede. A explicación está en que temos unha economía cada vez máis diversificada e internacionalizada, menos dependente do ladrillo. Hoxe, nun contexto internacional de crise, mantemos a capacidade exportadora. As nosas ventas no estranxeiro creceron un 50% respecto ao ano 2004 porque temos sectores económicos cunha posición competitiva importante: o naval, o téxtil, a automoción. O sector da informática e dos produtos tecnolóxicos está evolucionando ben. -¿Non pensa que ese diagnóstico contrasta moito co que se respira na rúa? -Os cidadáns deben entender que estamos ante un período de axuste, que nos preocupa. Pero se está a falar da recesión dos noventa. Na crise do 93, por exemplo, a taxa de paro galega era do 18%, hoxe está no 8,3%. Agora estamos a crecer por riba do 2%. E entre os anos 1992 e 2004 o PIB aumentou por debaixo desa porcentaxe durante catro exercicios. -¿Que medidas vai incluír nas contas do 2009 para afrontar a recesión? -Unha aposta pola inversión produtiva e o gasto social. E o máis importante: terán plasmación presupostaria os acordos do pacto pola competitividade de Galicia.